Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concellería de Medio Ambiente de Cervo entregou 140 árbores a unha vintena de veciños que participaron no pedido conxunto promovido polo Concello

100216 FOTO ENTREGA ÁRBORES CERVO (2)Cervo, 10 de febreiro de 2016.- Unha vintena de veciños de Cervo recolleron na tarde deste mércores na Casa do Concello un total de 140 árbores que formaban parte do pedido conxunto promovido pola Delegación Municipal de Medio Ambiente, que dirixe a concelleira Manuela Méndez Álvarez.

A edil de Medio Ambiente explicou que “dende o Concello de Cervo este ano, como nos anteriores, fixemos unha petición conxunta de árbores para os veciños que desexaran compralos todos xuntos, porque desta maneira conséguese un aforro grande á hora de mercalos. Os veciños que se apuntaron miraron as árbores que lles interesaban e dende o Concello o que fixemos foi encargalos todos xuntos a un viveiro, xa que desta maneira o prezo é moito máis económico. Nesta ocasión foron solicitados 140 árbores, especialmente froiteiras e hai que resaltar que se solicitaron moitos castiñeiros de froito comestible”.

Manuela Méndez engadiu que “con esta iniciativa o que pretendemos dende o Concello é animar á xente a que faga as súas propias plantacións domésticas nas súas fincas e sempre intentando que as árbores sexan autóctonas. A oferta roldaba as cen especies de árbores diferentes, aínda que a maioría van pedido case sempre as mesmas, porque son as que mellor se lles dan nos seus terreos. Valoramos esta edición dunha maneira moi positiva porque son 140 árbores das que a maioría son autóctonas, como está facendo o Concello nos montes de titularidade municipal, onde está reforestando todo con planta autóctona, como o castiñeiro”.

A concelleira de Medio Ambiente rematou animando aos veciños a que “en próximas edicións volvan participar nesta petición conxunta de árbores e cada vez sexa máis a xente que se apunte”.

Exit mobile version