Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería do Mar regula a utilización das zonas de dominio público portuario para actividades que non teñen que ver cos traballos nos peiraos

Santiago, 13 de febreiro de 2016.- A Consellería do Mar vén de publicar no Diario Oficial de Galicia unha resolución que regula a utilización das zonas de dominio público portuario na que se realizan diversas actividades que non teñen relación cos traballos nos peiraos. Con esta regulación, Portos de Galicia trata de unificar a solicitude de ocupación para todas as actividades e de evitar que poidan interferir nas que se levan a cabo polos usuarios dos portos e as súas instalacións.

A través desta normativa regúlanse as autorizacións de ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, festas, instalación de terrazas de hostalería e outras actividades que, pola súa natureza, non se consideran de carácter portuario. O prazo de presentación de solicitudes para a autorización da ocupación do espazo portuario, estará aberto durante dous meses desde a publicación da resolución no DOG.

Para solicitar os permisos, concellos, asociacións, hostaleiros e comisións de festas, entre outros interesados, deberán acreditar o obxecto da solicitude, especificando a actividade que se vai desenvolver e as instalacións que se pretenden ocupar. Tamén deberán especificar exactamente o que se vai instalar (por exemplo palcos, casetas móbiles, carpas, xeradores eléctricos, escenarios, etc) e os días que vai durar a ocupación. No caso concreto das terrazas de hostalaría, deberanse sinalar tamén as datas de instalación e desmontaxe.

Exit mobile version