Site icon Crónica3.com A Mariña

A delincuencia rexistra un descenso en Burela ao longo do último ano

burela1Lugo, 11 de febreiro de 2016.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, copresidiron na mañá deste xoves a reunión ordinaria da xunta local de seguridade na que fixeron unha análise global da situación delincuencial no municipio. No encontro participaron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

Situación delincuencial
Segundo os datos de denuncias formuladas no ano 2015, a delincuencia na localidade mariñana rexistrou un descenso do 22,2% con respecto ao ano anterior. No marco desa mellora nos índices da delincuencia, os delitos contra o patrimonio son os que presentan unha maior incidencia ao longo do ano, ao supor 6 de cada 10 denuncias rexistradas. Séguenlles os delitos contra as persoas, os delitos contra a liberdade (como é o caso das ameazas ou coaccións) e os delitos contra a seguridade colectiva (tales como delitos contra a seguridade vial ou contra a saúde pública). O subdelegado do Goberno recoñeceu que na comarca se rexistran certos repuntes puntuais dos roubos, que son ademais uns dos delitos que maior alarma e sensación de inseguridade xeneran entre a cidadanía. Asegurou, neste senso, que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, en estreita colaboración cos demais corpos policiais con presenza no municipio, están a intensificar a súa labor para previr este tipo de delitos e para esclarecer e poñer a disposición da xustiza aos autores dos que se chegan a producir.

En canto ás faltas, cómpre explicar que non se pode establecer unha comparación con respecto ao ano anterior xa que coa entrada en vigor, o pasado mes de xullo, da Lei 1/2015 de modificación do Código Penal desapareceu esa tipoloxía delictiva, de tal xeito que as faltas pasan a ser consideradas delitos leves ou infraccións administrativas, segundo os casos.

Na xuntanza desta mañá valorouse ademais o alto grao de eficacia acadado polos corpos policiais na resolución dos feitos delictivos rexistrados en Burela o pasado ano. A Garda Civil detivo nese período a 47 persoas (42 pola súa implicación en feitos constitutivos de delito e 5 por reclamación xudicial) e imputou a outras 43 persoas.

Pelexas
Noutra orde de cousas, no encontro acordouse incrementar a vixilancia para evitar as pelexas entre grupos de mozos, como as que tiveron lugar recentemente na zona de Os Castros, en Burela, ou en Foz. Os membros da xunta de seguridade explicaron que as forzas de seguridade están a traballar para esclarecer estes feitos, tratando de identificar aos participantes, contactando coas súas familias e centros educativos, ou facendo un seguemento das redes sociais, entre outras medidas. Insistiron en que non se aprezan tintes racistas nin xenófobos nestes enfrontamentos, senón que todo apunta a que se orixinan no entorno da ‘movida nocturna’ de diferentes concellos, mesmo de fóra da Mariña.

Plan dirixido á comunidade educativa
O subdelegado do Goberno informou tamén, como é habitual nas xuntas locais de seguridade, do traballo realizado no municipio ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co obxectivo principal de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares. E isto conséguese poñendo a disposición dos centros a asistencia técnica que precisen para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnos, pais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos mozos e mozas.

Ao longo do curso pasado, 2014-2015, os axentes impartiron 10 charlas no marco deste Plan director en Burela. Concretamente, 6 no CEIP Virxe do Carme e 4 no IES Perdouro, sobre temáticas como a violencia de xénero, o acoso escolar, os riscos de internet e as novas tecnoloxías, e os perigos das drogas e o alcohol.

No que vai do actual curso académico, impartíronse 3 charlas no municipio, todas no IES Perdouro. Este centro tén tramitadas novas solicitudes de conferencias, como tamén as teñen o IES Monte Castelo e o CEIP Virxe do Carme.

Exit mobile version