A guía de lecer editada por Faro Norte Comunicación, que pode visitarse na dirección www.faroocionorte.com, naceu o 1 de febreiro de 2015 para dar a coñecer as diferentes actividades que organizan nos municipios da zona norte da provincia de Lugo as distintas institucións, empresas, asociacións, clubs e outros colectivos.
Faro Ocio Norte inclúe na súa portada as informacións destacadas máis recentes e conta con seccións dedicadas a charlas, música, deportes, libros, exposicións, gastronomía, tendas, cine, teatro, cursos e outros eventos. Ten ademais un apartado para o tempo na zona e un calendario no que se inclúen as actividades programadas para cada día na Mariña lucense. No seu primeiro ano de vida foron incluídas en Faro Ocio Norte 1.162 informacións.
A directora de Faro Norte Comunicación, a xornalista Carmen Cruzado, fai un balance positivo do primeiro ano de Faro Ocio Norte, porque “cada día estamos ofrecendo máis informacións dun maior número de entidades, que nos fan chegar as actividades que organizan, e tamén se incrementan aos poucos o número de anunciantes. A todos eles agradecémoslles a súa colaboración con esta iniciativa que pretende dar a coñecer aos veciños da zona e aos que a visitan as numerosas e variadas alternativas para gozar do tempo libre que se ofrecen durante todo o ano nas localidades do norte lucense”.