A organización de produtores pesqueiros de Lugo (OPP-07-LUGO), está presente durante esta semana en diversas reunións que teñen lugar para tratar aspectos de importancia para a flota.
Así, o Secretario Técnico, José Manuel Fernández Beltrán, asistía en Bruxelas o martes 23 de febreiro a unha Reunión específica da Axencia Europea de Control da Pesca, na que a representación de sector é escasa pero moi activa. A OPP-07-LUGO vén asistindo habitualmente a estas reunións.
Igualmente e tamén en Bruxelas, José Manuel Fernández Beltrán, Secretario Técnico da OPP-07-LUGO asistía o mércores 24 de febreiro ao Seminario sobre a Obrigación de Desembarque organizado pola Comisión Europea. A representación española completábase con Javier Garat, de CEPESCA, e Hugo González, de ARVI.
O mesmo día, eses mesmos tres representantes españois foron recibidos por representantes da DG-MARE á que expuxeron diversos problemas cos que se enfronta a flota palangreira de superficie en relación coa pesquería de tiburóns.
Tamén para tratar sobre asuntos de interese da flota palangreira de superficie, Mercedes Rodríguez Moreda, Xerente da OPP-07-LUGO asistía a unha reunión en Vigo en relación coa posible certificación da pesquería.
Finalmente, o xoves 25 de febreiro Mercedes Rodríguez Moreda asistía na Secretaría Xeral de Pesca en Madrid á reunión sobre temas de interese para a flota NEAFC e na Haya, José Manuel Fernández Beltrán representaba á OPP-07-LUGO nos Grupos de Traballo do Consello Consultivo de Especies Pelágicas.