Site icon Crónica3.com A Mariña

A taxa de criminalidade baixou en Galicia en 2015, manténdose como a cuarta comunidade máis segura de España

9 de febreiro de 2016.- A delegación do Goberno en Galicia informa de que o Ministerio do Interior publica este martes na súa páxina web (www.interior.gob.es) o último Balance de Criminalidade correspondente ao pasado ano, que comprende o global de infraccións penais coñecidas polos distintos Corpos policiais en 2015. Ofrece os datos desglosados por comunidades autónomas e provincias, e inclúe os datos referidos ás capitais de provincia e cidades de máis de 50.000 habitantes.

Segundo estes datos, no ano 2015 coñecéronse en Galicia un total de 76.683 infraccións penais, o que supón un descenso da criminalidade na comunidade autónoma de 1.570 infraccións penais (case un -2%) con respecto a 2014, cando se coñeceron 78.253.

A taxa de criminalidade (infraccións penais coñecidas por cada 1.000 habitantes) situouse en Galicia en 28,1 o pasado ano, rebaixando en 0.4 puntos a taxa rexistrada en 2014, que foi de 28,5.

Do mesmo xeito que en 2014, os resultados estatísticos obxectivos sitúan a Galicia en 2015 como a cuarta Comunidade Autónoma con menor taxa de criminalidade de España, situándose moi por baixo (-15.6 puntos) da taxa media nacional, que é de 43.7.

De feito, moi por baixo da media nacional mantense en 2015 a taxa de cada unha das catro provincias galegas, evidenciando tamén unha tendencia á baixa na taxa de criminalidade, que é maioritaria con respecto á taxa do ano pasado (Lugo, Ourense e Pontevedra baixan 0.5, 1.6 e 1.3 puntos respectivamente, mentres que A Coruña sobe 0,7) e xeneralizada con respecto á taxa de 2012.

Taxa de criminalidade nos últimos catro anos

2012 2013 2014 2015
A CORUÑA 29,6 28,5 28,3 29,0
LUGO 23,0 22,2 21,8 21,3
OURENSE 26,8 28,2 25,4 23,8
PONTEVEDRA 33,8 33,5 32,1 30,8
GALICIA 29,9 29,4 28,5 28,1

 

 

 

 

 

Tipoloxías delituosas
Os datos sobre criminalidade atenden a uns indicadores de seguridade concretos, que se corresponden cos que establece a Oficina Europea de Estatística (EUROSTAT). O balance de 2015 mostra que practicamente todos eles experimentan un descenso en Galicia con respecto ao ano anterior: homicidios dolosos e asasinatos consumados (-5%), roubos con violencia ou intimidación (-3,1%), roubos con forza en domicilios (-1,9%), substracción de vehículos a motor (-21,3%), tráfico de drogas (-7,2), danos (mantéñense estables) e furtos (-4,2).

A destacar a evolución das substraccións en explotacións agrícolas ou gandeiras, que practicamente se reduciron á metade desde o ano 2012, cando se rexistraron 466 infraccións deste tipo. En setembro de 2013 puxéronse en marcha os equipos ROCA para combater este tipo de substracións e ese mesmo ano baixaron en Galicia a 413, mentres que en 2014 situáronse en 299 e en 2015 baixaron ata 274.

Exit mobile version