Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa a partir deste sábado 6 de febreiro

Santiago, 5 de febreiro de 2016- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará ao litoral das provincias da Coruña e Pontevedra a partir deste sábado.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), desde primeiras horas mañá espéranse ventos do suroeste, de forza 8, e mar combinada do noroeste. As ondas oscilarán entre os 5 e 6 metros de altura.

Ademais, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa por ventos, que pode acadar refachos de ata os 100 km por hora e que afectará desde primeiras horas da mañá ás provincias da Coruña (noroeste, oeste, suroeste), Lugo (A Mariña, Montaña) e Pontevedra (Rías Baixas). Os ventos serán máis intensos ás primeiras horas da tarde.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Exit mobile version