Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 250.000 euros en axudas aos municipios turísticos galegos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo

Lugo, 9 de febreiro de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, destinará 250.000 euros á concesión de subvencións aos concellos declarados municipios turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo entre os meses de xuño e setembro.

Así o explicou hoxe a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, quen indicou tamén que “na provincia de Lugo son doce os concellos que están en disposición de optar a esta liña de axudas, que surxen co obxectivo de reforzar e manter a calidade do servizo de atención turística no período de maior afluencia de visitantes”, de xeito que se potencie a súa imaxe e a de Galicia no seu conxunto.

Para poder obtar ás subvencións, é requisito indispensable que as entidades locais conten coa declaración de municipio turístico galego e presenten as súas solicitudes dentro do prazo establecido, que remata o vindeiro 27 de febreiro. Actualmente están recoñecidos como de interese turístico os concellos lucenses de Ribadeo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Chantada, Viveiro, Foz, Quiroga, Samos, Lugo, Sarria, Sober e Palas de Rei.

“Como novidade este ano”, dixo Arias, “e grazas a un axuste das contías asignadas a cada concello, Turismo de Galicia garantizará que todos os municipios turísticos galegos que o soliciten, e cumpran cos requerimentos establecidos na convocatoria, reciban as axudas”.

A delegada tamén salientou que “outra das vantaxes que ofrece a actual convocatoria é a maior flexibilidade da que disporán os municipios á hora de adaptar a xornada laboral e a duración dos contratos ás necesidades concretas do seu servizo de atención turística”. En todo caso, deberán realizar a contratación de persoal entre as datas comprendidas entre o 15 de xuño e o 15 de setembro do presente ano.

Por outra banda, e co obxectivo de fomentar o emprego, “esixiráselles aos concellos que os traballadores contratados ao abeiro desta liña de axudas figuren como desempregados no Servizo Público de Emprego de Galicia e estean en posesión dalgúns dos títulos académicos especificados na convocatoria”, sinalou a representante da Xunta na nosa provincia.

O procedemento de concesión das subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva por rigorosa orde de entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través da súa páxina web oficial http://www.turismo.gal; nos teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 64, e o fax 981 54 63 71; dirixindo un correo electrónico a xerencia.turismo@xunta.es; ou ben presencialmente.

Exit mobile version