Lugo, 23 de febreiro do 2016.- O Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, presentou na mañá dese martes o III Congreso de Xénero, Museos, Arte e Educación, que organiza a Rede Museística Provincial de Lugo, dependente da Área de Cultura da Deputación de Lugo, para os días 3, 8,9, 11 e 12 de marzo do presente ano. Nesta presentación participaron tamén Aurelia Balseiro, Directora do Museo de Lugo, Encarga Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, así como tamén por parte do Comité científico do Congreso Cristina Fernández e Pilar Sánchez, está última Secretaria técnica do mesmo.
Xosé Ferreiro explicou que “a partir de mañá mércores, día 24, estará aberto o prazo de inscrición a esta terceira edición. Escollemos esta data por ser en sí mesma simbólica, ao tratarse do Día de Rosalía” sinalou. Do mesmo xeito, o responsable de Cultura na Deputación de Lugo referiuse a este Congreso “como unha parte do traballo transversal que leva desenvolvendo a Área de Cultura da Deputación de Lugo nos últimos anos en torno ás cuestións de xénero, que non circuscribimos á unha data puntual como pode ser a do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, senón que está presente os 365 días do ano na nosa acción política e institucional”.
Do mesmo xeito, Ferreiro referiuse a que desde a Área de Cultura “somos consecuentes con que, como toda institución pública, debemos promover políticas de igualdade, así como ofrecer espazos de diálogo e cohesión intercultural, por iso queremos, con este encontró, facilitar a participación social activa e a difusión de experiencias, reflexións e boas prácticas sobre o xénero e a diversidade no ámbito artístico e pedagóxico” sinalou.
Un III Congreso con participación de múltiples entidades
No que atinxe ás características deste III Congreso, cómpre destacar que, debido ao formato do mesmo, disponse dun aforo reducido. A reserva de prazas será por rigorosa orde de inscrición, sendo o número de prazas o seguinte:
Público en xeral: 50 prazas (días 3, 9, 11 e 12) e 70 prazas (día 8).
Profesorado: 20 prazas (sesión de tarde día 3, 9, e 11).
Desde a Área de Cultura destacan que este Congreso conta coa colaboración e aval de distintas institucións museísticas como ICOM España, Red Española de Profesionales de Museología Social, Museo de Arte Contemporánea de León (MUSAC), Museo de Arte Africano da Universidade de Valladolid, Museo Thyssen-Bornemisza, Museo Arqueológico de Cacabelos, Museo de León. Igualmente a extensa rede de colaboradores que participan deste encontro, inclúe diversas plataformas, artísticas, pedagóxicas e sociais, de investigación, exhibición, xestión e difusión como son o Observatorio de Educación Patrimonial en España, Mujeres de las Artes Visuales (MAV), Isköo espazo multidisciplinar, La Gran e a Asociación galega de profesionais da xestión cultural, e o Consello da Cultura Galega a través da súa Comisión de Igualdade.
Así mesmo, conta coa participación do asociacionismo, con entidades como a Fundación Daniela, a Asociación Xaira, a Asoc. Enriqueta Otero “As Quetas”, de ACADAR, Asociación Galega de Mulleres con Discapacidade, da Asociación Arelas, da Asoc. Si hai saída contra a violencia de xénero en Lugo, Homes galegos pola Igualdade, entre outras.
E como grande novidade, o alcance internacional deste congreso que suma a participación de profesionais de organismos como REMCAA, Rede de Educadores de Museos de Arte e Centros de Arte (Arxentina), os Museos Comunitarios de Berazategui (Arxentina), o ECCOM,idee per la cultura(Italia), a Curadoría pedagóxica da 9ª Bienal de Mercosul en Porto Alegre (Brasil) e proxectos educativos en Museos de México.
Conta, igualmente, co patrocinio científico da Facultade de Humanidades de Lugo, do Máster de Servizos Culturais da USC, do Curso de Experto en Xestión Cultural da USC, das Universidades de Zaragoza co Máster en Museos: Educación e Comunicación, as Universidades Complutense e Autónoma de Madrid, Valladolid, Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e a Universidade de Maine (EE.UU.)
Conscientes de que a transformación comeza na educación, este congreso forma parte do plan de formación do profesorado avalado polo CFR de Lugo para que os días 3, 9 e 11 de marzo conformen as Xornadas Museos, Educación e Igualdade de Formación do Profesorado. O obxectivo é dotar aos formadores e formadoras de ferramentas de sensibilización e xestión da diversidade nas aulas, como lugar de convivencia natural da multiculturalidade na nosa sociedade. Un congreso aberto a outros sectores de interese e que se estende máis aló das nosas fronteiras, coa participación de profesionais desde Arxentina, Italia, México, Estados Unidos e Brasil.
Diferentes bloques temáticos e xornadas
Nesta ocasión, o congreso dividise en xornadas. O xoves 3 de marzo céntrase en discapacidade, migración e transxénero coa intervención de colectivos que traballan e forman á sociedade para a normalización destas realidades. Ademais inauguraremos dúas exposición en clave feminina: Nós + Outras, proxecto realizado en colaboración con EducaThyssen do Museo Thyssen-Bornemisza e Palabras Pintadas de Soledad Pite.
O martes 8 de marzo será o turno do activismo e o tecido asociativo. A comunicación e a linguaxe son os temas do mércores 9 de marzo. O venres 11 de marzo será a xornada dedicada ás boas prácticas museísticas e rematamos o sábado 12 de marzo cunha xornada ao redor da arte e o xénero, onde se presentará a Bienal de MAV Mujeres en las Artes Visuales e contará coa participación de artistas e axentes que compartirán os seus proxectos de visibilización connosco.
Para máis información da organización deste III CONGRESO DE XÉNERO, MUSEOS, ARTE E EDUCACIÓN, formalizar a inscrición, visualizar o programa, presentar comunicacións, todas aquelas persoas interesadas poden facelo aquí.