Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa Ribadeo instará ao Concello a crear un patronato de festexos que asuma a organización dos principais eventos que se celebran na localidade

Ribadeo, 19 de febreiro de 2016.- A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo instará ao Concello para crear un patronato de festexos que asuma a organización dos principais eventos que se celebran na localidade ao longo do ano, como a Cabalgata de Reis, o Entroido, o Ribadeo Indiano, as festas de San Roque e as festas patronais.

Na Asemblea Xeral Ordinaria celebrada este xoves á noite someteuse a debate e a aprobación este asunto, que contou co apoio maioritario dos asistentes. Desde Acisa destacouse que “o colectivo non pode asumir máis responsabilidade da que xa viñemos asumindo nos últimos anos. A directiva de Acisa estivo presente en todos estes eventos, nalgún caso co obxectivo de evitar que nalgunha ocasión non se celebrasen, pero chegou a hora de dar un paso máis. Ribadeo é unha localidade moi importante, con moita poboación, con moitos festexos e cremos que chegou a hora de que o Concello asume a responsabilidade que lle corresponde”. Desde Acisa consideran que “o idóneo é que se constitúa un patronato de festexos, no que estean representados o Concello e Acisa e do que ademais poidan formar parte persoas que a título particular estean dispostas a traballar e a colaborar na organización de toda esta programación. O patronato tería uns estatutos polos que se rexería, lóxicamente. É ademais a fórmula idónea para fiscalizar as contas e o traballo que ata agora viñan facendo as diferentes comisións organizadoras”.

A chegada da Semana Santa tamén centrou parte da reunión porque “son moitas as persoas que están chamando aos hoteis preguntando polas reservas para visitar a praia das Catedrais. Non podemos comentar moito sobre este asunto, salvo que manteremos unha reunión coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, o próximo 26 de febreiro. Do que acordemos informaremos a todos os nosos asociados e asociadas”.

Na Asemblea Xeral Ordinaria de Acisa aprobouse a conta xeral de 2015. Os ingresos ascenderon a 88.962 euros e os gastos a 87.864 euros. O orzamento estimado de Acisa para o 2016 situarase en torno aos 100.000 euros. Incrementarase o apartado destinado á realización de campañas e iranse reducindo aos poucos os patrocinios a asociacións e colectivos, un capítulo ao que se destinará unha partida de 4.000 euros este ano. De feito Acisa concederá subvencións para promover a realización de eventos e actividades de diferente índole que estean encamiñadas ao fomento e dinamización do comercio e a hostalería ribadense.

O importe total das axudas será de 4.000 euros con cargo aos orzamentos deste ano. A cuantía das subvencións nunca será polo total dos gastos derivados dun único evento, senón que se entenderá como unha colaboración ou patrocinio e entregarase ás asociacións beneficiarias no período dun ano. Poden acollerse a estas achegas aquelas asociacións culturais, deportivas ou comisións de festejos do ámbito ribadense que sexan socios de ACISA ou pasen a integrarse nesta asociación. O prazo de presentación de solicitudes abriuse o pasado día 15 e conclúe o 15 de marzo.

Tamén se deu conta das campañas realizadas ao longo do ano pasado e da celebración da V Cea de Galicia, previstas para o 26 de febreiro ás 21:00 horas no Asador La Quinta. O prezo é de 25 euros para os socios e 30 para os non socios.

A Cea de Gala está aberta ao público en xeral e ACISA Ribadeo invita a todos a que se animen a participar neste encontro. Desde a Directiva de ACISA rógase que aqueles interesados en asistir soliciten a tarxeta no restaurante Asador La Quinta ou na sé da Asociación sita na Avenida de Galicia, 20-2ªplanta. Tamén poden facelo a través do correo electrónico info@acisaribadeo.es. O prazo para retirar estas tarxetas finaliza o 24 de febreiro.

Na Asemblea celebrada este xoves á noite procedeuse a convocar eleccións para a renovación de cargos da xunta directiva de Acisa: presidente, vicepresidente, tesorero, secretario e vocales. No acto anunciaron que non continuarán Francisco Iriarte e Roberto Rivas. O proceso electoral abarcará do 29 de febreiro ao 11 de marzo. O prazo para presentación de candidaturas conclúe o día 7 do próximo mes. A elección da nova xunta celebrarase en Asemblea Extraordinaria o 11 de marzo ás 20:30 horas.

Exit mobile version