“Adiós ríos, adiós fontes” foi o poema elixido para renderlle homenaxe a Rosalía de Castro no cartel que loce na fachada do Concello burelés
edicion
Burela, 24 de febreiro de 2016.- O Concello réndelle homenaxe hoxe a Rosalía de Castro con varios actos. O primeiro foi a colocación dun cartel conmemorativo na mañá deste mércores na fachada da Casa Consistorial. Alí estiveron o alcalde, Alfredo Llano, o concelleiro de Cultura, Jose Díaz, e outros edís do equipo de goberno como as responsables das delegacións de Servizos Sociais, Medio Ambiente, e Inmigración, ademais doutros concelleiros da Corporación Municipal.
Adiós ríos, adiós fontes, adiós regatos pequenos, adiós vista dos meus ollos, non sei cando nos veremos… Ese é o poema elixido para o cartel que loce no Concello burelés.
Xa esta tarde ás 20:00 horas no Auditorio haberá unha mesa-coloquio arredor da vida e obra da escritora galega, que será moderada por Bernardo Penabade. Ás 20:20 horas terá lugar unha lectura de extractos de obras da escritora e para as 20:30 horas está prevista a actuación da Coral Polifónica de Burela, que interpretará dous temas con letra de Rosalía: Cada noite e Negra sombra.
A xornada rematará coa proxección do documental “Sombras sen sombra”, de José Antonio Durán.