Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano asegura que Burela segue a ser un lugar perfecto para vivir, xa que “non hai grandes conflitos que nos deban preocupar”

Burela, 11 de febreiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, asegura que a pesares dalgúns feitos puntuais como a pelexa rexistrada hai unhas semanas, Burela segue a ser un lugar tranquilo para vivir. O Concello acolleu na mañá deste xoves a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, que presidiron o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o propio rexedor. Llano considera necesario incrementar as plantillas da Garda Civil tanto en Burela como no resto da comarca, dado os roubos que se producen, aínda que están por debaixo da media galega e española.  

Sobre a pelexa que tivo lugar hai unhas semanas en Burela e na que participaron un grupo de xoves chegados desde varios puntos da comarca ou de zonas limítrofes, o alcalde dixo que “nalgúns casos son rapaces cos que é fácil atopar a confrontación. Estas pelexas de Burela ou de Foz puideron ter ocorrido en Chantada, en Abadín, en Ribadeo ou en calquera lado. Aquí á nosa vila chegaron procedentes da Pastoriza, de Abadín, de Ribadeo ou de Mondoñedo, despois de citarse a través das novas tecnoloxías”.

Alfredo Llano considera importante “chegar a saber por qué se citan deste xeito, cales son as razóns, as causas reais destes encontros. Habería que coñecer a situación na que se atopan as familias destes rapaces, si están no paro, si sofren malos tratos. Hai que coñecer as causas reais e levar adiante todas as medidas necesarias para que non volvan producirse feitos coma este. Nisto deben implicarse as forzas e corpos de seguridade, pero tamén os Concellos, os servizos sociais, etc”. As forzas de seguridade traballan para identificar aos participantes, contactando coas súas familias, cos centros de ensino e facendo seguimento das redes sociais.

O alcalde burelés fixo que “os roubos en vivendas e en establecementos comerciais incrementáronse un pouco en Burela. Son feitos que se producen en moitos municipios da comarca, pero non queremos que vaian a máis. Hai que loitar para evitalos”.

Densidade de tráfico
Na xunta local de seguridade tamén se falou da densidade do tráfico e de siniestralidade. Llano relatou que “os accidentes foron mínimos o ano pasado, aínda que a densidade nos preocupa. Hai que mellorar as infraestruturas, que dunha vez por todas se traballa para a posta en marcha da autovía Barreiros-San Cibrao e da vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol, e que se melloren as estradas do Estado, como por exemplo a N-642”. O alcalde anunciou que solicitará un medidor da densidade do tráfico “para apoiar todas as demandas que estamos a realizar nesta materia”.

Sobre o plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros de ensino o rexedor dixo que “desde o Concello tamén organizaremos algunha actividade neste sentido para evitar o acoso escolar, queremos evitar que se produzan casos como os que vemos na televisión. Hai que previr e evitar o consumo de drogas e de alcohol nos xoves e informalos sobre os riscos que poden chegar a supoñer tanto internet como as novas tecnoloxías”.

Alfredo Llano subliñou que “Burela é unha vila perfecta para vivir, xa que non hai grandes conflitos que nos deban preocupar”. E entre as demandas realizadas á Subdelegación do Goberno figuran “a cobertura da totalidade das prazas da Garda Civil ao 100%. Nesta comarca están ao 90%, pero queremos que se ocupen todas. É necesario que se completen esas plantillas e que as forzas e corpos de seguridade do Estado sigan a traballar perfectamente coordinadas”.

Exit mobile version