Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano recollerá o vindeiro luns o Premio Coopera 2015 que a Xunta lle concedeu á Mancomunidade de Municipios da Mariña polo proxecto “Puntos limpos para a xestión de residuos machistas”

A Mariña, 29 de febreiro 2016.- O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, recollerá en Santiago o 7 de marzo o Premio Coopera 2015, concedido pola Xunta de Galicia aos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de Concellos, Mancomunidades, Consorcios Locais e Áreas Metropolitanas.

A Mancomunidade de Municipios da Mariña obtivo o primeiro premio, dotado con 40.000 euros, polo proxecto denominado Puntos limpos para a xestión de residuos machistas, que fomentará a igualdade de oportunidades e actuará contra a violencia de xénero. O fallo salienta que “se trata dunha estrutura e rede persoal, recursos e infraestruturas, capaz de actuar de forma permanente e transversal fomentando a igualdade de oportunidades e actuando contra a violencia de xénero. Ao igual que os puntos limpos dedicados á recollida selectiva de residuos, a clave é que en cada fogar se faga a separación previa de residuos, identificar aptitudes, crenzas, comportamentos problemáticos e prácticas machistas e sexistas para actuar sobre elas co obxectivo de modificalas e se é posible eliminalas”.

O presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano, salienta que “é un premio baseado nun proxecto presentado para temas de coordinación entre os diferentes Concellos para abarcar a problemática de violencia de xénero e está dotado con 40.000 euros“. Llano asegura que “a verdade é que estamos agradecidos. Hai un bo proxecto para levar adiante na Mancomunidade relativo a esta temática que tanto debe preocupar e nos preocupa á xente, porque hai que tratar de reducila ou anulala completamente a violencia de xénero. Vai haber unha coordinación entre os diferentes Concellos da Mancomunidade e ímonos poñer a facer cousas xa e programalas para este ano.”

Alfredo Llano engadiu que “supoño que a través da Presidencia da Xunta de Galicia xa se invitou a tódolos Concellos que conformamos a Mancomunidade, pero tamén lles estamos mandando dende a Mancomunidade unha invitación por parte miña por si alguén me quere acompañar a recoller este premio que eu creo que é moi importante e moito de agradecer tamén pola súa importancia despois para executalo e levalo adiante”. O presidente da Mancomunidade dixo que “vou invitar a tódolos alcaldes que queiran acompañarme para recibilo con optimismo e entusiasmo e poder aplicalo o antes posible”.

Alfredo Llano desprazarase o vindeiro luns, 7 de marzo, a Santiago onde terá lugar o acto de entrega destes premios a partires das doce e media da mañá na Cidade da Cultura.

Exit mobile version