Site icon Crónica3.com A Mariña

Arias: “A militancia debe poder coñecer de primeira man a actividade do partido e realizar as propostas que considere oportunas en todo momento”

Lugo, 12 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo, Raquel Arias, asegurou este venres que a estrutura orgánica da súa executiva terá unha área exclusivamente destinada á participación dos afiliados de base.

Arias entende que “a militancia debe poder coñecer de primeira man a actividade do partido como estrutura corporativa, así como realizar as propostas que considere oportunas en todo momento”.

Deste xeito, afirmou, “coñeceremos o que opina a sociedade, porque este partido ten 12.000 afiliados na provincia e aglutina sensibilidades moi diversas. Só así, en diálogo constante coa cidadanía, poderemos loitar contra a desafección e o desencanto que senten moitos cidadáns coa política en xeral”.

Por iso, engadiu, “o organigrama do partido xirará en torno á participación. Por un lado, crearemos un área específica para os militantes, que será un elemento básico con estrutura propia; e por outro, asumimos a participación como concepto transversal que define todo o deseño organizativo”.

O obxectivo é conseguir a implicación dos afiliados na actividade diaria do partido, e non unicamente en período electoral. Deste xeito, “enriqueceremos o noso proxecto político con máis propostas, máis ideas e máis debate interno”, asegurou.

“Responderemos a todas as cuestións que presenten os militantes; estaremos en contacto permanente, a través da súa representación na executiva e tamén mediante contactos directos ou a través das redes sociais”, concluíu.

Exit mobile version