Site icon Crónica3.com A Mariña

As Xuventudes Socialistas elixen a Miguel González como coordinador provincial de Lugo

IMG_3895Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016.- As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) celebraron este venres o Congreso Provincial Extraordinario de Lugo que estaba convocado en Monterroso trala dimisión do anterior coordinador, no que os mozos/as socialistas escolleron co voto directo da militancia ao seu novo representante na provincia.

Miguel González contou co apoio unánime da militancia que participou no Congreso, á que se dirixiu explicando que “hai case dous anos decidín entrar en Xuventudes no meu Concello porque quería contribuír ao traballo que estaba a levar a cabo o PSdeG na nosa provincia da man de José Ramón Gómez Besteiro na Deputación de Lugo; un traballo cara o cambio no país, que pasaba por darlle voz á cidadanía e, en especial, á mocidade.”

González recoñeceu que “non me equivoquei. Durante este tempo, participei no proxecto socialista en Vilalba e agora, coa satisfacción dos avances acadados no meu Concello, quero contribuír a que este proxecto continúe no conxunto da provincia luguesa. Quero chegar a máis mozos e mozas, falar con eles e devolverlles a esperanza, amosándolles que é posible un cambio cara o progreso co Partido Socialista”

Un Congreso Provincial que foi clausurado polo secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, que agradeceu en primeiro lugar a labor desempeñada polo anterior coordinador provincial, Jesús Vázquez, ao longo destes últimos anos. Acto seguido, Bouza manifestou a súa ledicia por ver “como temos recambio e moito futuro no socialismo galego.”

O secretario xeral dixo sentirse orgulloso de ver como “a mocidade cada día está máis vencellada á política, como nesta provincia, onde hai persoas comprometidas que se achegan á nosa Organización para cambiar a sociedade e pescudar a igualdade real entre os máis desfavorecidos. Temos un futuro prometedor polo que loitar. Non podemos mirar cara outro lado mentres nos arrebatan os nosos dereitos e as nosas esperanzas de poder ter unha vida digna. Porén, estou convencido de que entre todos e todas alcanzaremos os nosos soños traballando unidos”

Exit mobile version