Site icon Crónica3.com A Mariña

BNG-Asembleas Abertas apoia cunha moción a iniciativa veciñal para contar en Cervo cunha praia de acceso libre a cans e un parque canino

Cervo, 27 de febreiro de 2016. O BNG – AA en Cervo levará ao próximo pleno municipal a proposta veciñal apoiada por máis de 1.600 sinaturas na que se pide ao concello a posta en servizo dunha praia do municipio que permita o acceso a mascotas caninas durante todo o ano, amais dun parque canino coas características necesarias para este tipo de instalacións.

A formación nacionalista faise eco e leva ao terreo institucional a demanda veciñal rexistrada no concello o pasado 27 de xaneiro para que o noso concello sexa o primeiro da Mariña en contar con este tipo de servizos.

Para o portavoz municipal nacionalista, Ramón Luís Bernardo Ínsua, “o concello conta con espazos sobrados para estas instalacións sen que isto supoña molestias a persoas ás que non gusten os cans polo que isto non debera ser un problema”. O concelleiro afirma que “o investimento a facer non debera representar un problema por non ser dunha contía excesiva e pola contra, a oferta deste tipo de instalacións permitirá ao concello presentar esta oferta, tanto á veciñanza como a visitantes e turismo, como un atractivo mais do noso concello”.

Luís Bernardo Ínsua estima que “o goberno municipal non pode facer ouvidos xordos ante a presentación de iniciativas populares como esta e deben respectarse, sexa cal sexa a petición, cando hai un número tan elevado de sinaturas apoiando deben ter unha contestación de maneira obrigada”, por isto estraña que o alcalde ou alguén do seu grupo de goberno non se dirixira ás persas solicitantes dando algún tipo de contestación”.

O BNG – ASEMBLEAS ABERTAS agarda o apoio da corporación municipal para esta iniciativa que insiste é veciñal, “nós unicamente lle damos forma institucional como correa de transmisión á vista da ausencia de reacción por parte do goberno local”, concluíu o concelleiro nacionalista.

Exit mobile version