Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acollerá en outubro os xogos autonómicos de fútbol sala que organiza Special Olympics

Burela, 12 de febreiro de 2016. Burela acollerá en outubro o campionato autonómico de fútbol sala para persoas con discapacidade. O alcalde e os concelleiros de Deportes e Servizos Sociais mantiveron un encontro con representantes de Special Olympics ao que tamén acudiron membros de Eu Son e de Camiña. Cincocentas persoas se desprazarán a Burela o 15 de outubro con esa competición, algo que é un orgullo para o Concello.

O edil de Deportes explicou que “tivemos unha reunión no Concello coa directiva de Special Olympics Galicia e concedéronnos para o mes de outubro a celebración aquí do campionato autonómico de fútbol sala para persoas con discapacidade. É un orgullo que escollan Burela para facer ese evento, que vai mover en torno a 500 persoas, o que axudará un pouco á economía do noso pobo”.

Fernández Rey sinalou que “por parte do Concello vamos poñer todo o noso empeño en que saia ben e axudarlles en todo o que poidamos tanto con medios como economicamente”.

O alcalde, Alfredo Llano, dixo: “hai que ter en conta que Burela é un sitio onde se pode practicar e motivar ás persoas para xogar ao fútbol sala e evidentemente nosoutros vamos tratar de axudarlles en todo aquilo que estea na nosa man como Concello para que se leve adiante este trofeo, que lle chaman Carlos Outeiriño, en Burela neste ano 2016”.

O rexedor relatou que “van vir de todas as provincias galegas, comezará pola mañá e rematará sobre as sete da tarde. Utilizaremos todos os pavillóns que temos en Burela máis algún próximo, como pode ser en San Cibrao ou en Cangas de Foz”.

Para Llano trátase “dunha iniciativa extraordinaria e parécenos moi ben que elixiran Burela como destino deste campionato por moitas razóns: unha delas é a solidariedade e a motivación que lles dá a estes rapaces para ter a oportunidade de practicar un deporte moi bonito; e por outro lado, hai que ter en conta que Burela é unha poboación afeccionada ao fútbol sala, como está tremendamente demostrado ao longo de todos estes anos nos que temos dous equipos en Primeira División. Por tanto temos ambiente e espectáculo, así que nosoutros vamos poñer o que estea na nosa man para que sexa unha realidade e que despois rematen todos moi contentos e que lles queden moitas ganas de volver por aquí a todos os que veñan ese día”.

Exit mobile version