Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela e Cervo disolverán o consorcio que xestiona o ciclo da auga en ambos concellos para crear un novo ente

Burela, 12 de febreiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, ven de anunciar a disolución do consorcio que xestiona o ciclo da auga nos Concellos de Burela e Cervo, xa que “segundo a nova normativa respecto aos consorcios tal e como están definidos e como se están aplicando a lei xa non se pode seguir co esta figura, polo que hai que disolvelo”.

O rexedor burelés engade que “hai dúas circunstancias que se podían aproveitar, ben que un dos concellos ou Burela ou Cervo se fixera cargo de levar a responsabilidade da xestión ou ben facer unha mancomunidade de concellos”. Llano considera que “a mellor opción é crear esa mancomunidade que terá uns estatutos que regulen a forma de facer as cousas . Eses estatutos deberán recoller unha definición clara de cómo se debe ocupar a responsabilidade de cada un dos concellos e que siga funcionando ben a xestión das augas de abastecemento de auga potable de Cervo e Burela”.

Alfredo Llano anuncia que “vamos iniciar os pasos para solicitalo deste xeito e pensamos que xa en breve para a seguinte reunión teñamos máis definido todo e ir dando os pasos xa definitivos para consolidarse como mancomunidade de concellos”.

O alcalde comenta que nesa xuntanza “falamos doutros temas con respecto a Burela como colocar un novo contador ou medidor de auga no concello antes de chegar ao depósito por ter unha seguridade clara da auga que sae da ETAP de Senra e chega a Burela para detectar posibles avarías ou algunha disfunción que puidese existir no abastecemento. En principio vámonos documentar ben a través da nosa concesionaria Espina y Delfín e solicitar un informe técnico ben valorado e argumentado para poder colocar un novo contador nas proximidades dos depósitos”.

Alfredo Llano asegura que “está funcionando perfectamente a depuración e estamos abastecendo tanto Cervo como Burela dunha boa auga para a poboación. A auga está ben coidada e sobre todo ben vixiada”.

O alcalde de Burela volveu reclamar aos representantes de Augas de Galicia “se era posible limpar os lodos do encoro de Rúa, que son sobre 22.000 metros cúbicos de lodos. Sería bo xa non soamente pensando en cuestións económicas de que está garantido o abastecemento do encoro de Riocobo, senón que hai que mirar outras cuestións como a calidade da auga e da limpeza”. Alfredo Llano saliento que “si temos un encoro que pode ter 22.000 metros cúbicos de auga limpa é unha vantaxe clara para o medio ambiente ademais de garantía de subministro”.

Exit mobile version