Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela estará presente no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar en Ourense

Burela, 2 de febreiro de 2016. O Concello contará con stand no 17º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebra en Ourense do 3 ao 7 de febreiro.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, sinala que “esta Concellería tentará facer unha aposta por este tipo de feiras, xa que son eventos nos que entendemos que poderemos chegar mellor á xente que nos visita e que segundo as enquisas se trata de turistas da propia Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid. Entendemos que serán as zonas onde debemos de poñer o maior empeño na nosa promoción turística, xa que as estatísticas que manexamos así no lo indican”.

O venres, 5 de febreiro, é o Día do Mar en Xantar e “Burela terá un especial protagonismo xa que imos ofertar unha degustación tanto de bonito como de merluza, que como todos xa sabemos son as especies que máis se comercializan na nosa lonxa. Aproveitamos a ocasión para agradecer a colaboración de Absa nesta degustación. Será ás dúas e cuarto da tarde nun salón que a organización habilita para este tipo de actos”, manifestou o edil socialista.

Fernández Rey engadiu que “tamén queremos ofrecerlles a todos os veciños que queiran visitar a Feira invitacións que nos fixeron chegar desde a organización de Xantar e que poden pasar a recoller polo Concello. Trátase dunhas 50 invitacións que repartiremos entre os veciños e veciñas interesadas en achegarse a Ourense e que queiran visitar o Salón Internacional de Turismo Gastronómico. Irémolas entregando por orden de chegada a retiralas”.

Exit mobile version