Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela será o primeiro concello en acoller unha charla para previr incendios nos fogares

A Mariña, 25 de febreiro de 2016.- Burela será o primeiro concello no que se celebrará unha charla para a prevención de incendios nos fogares, segundo anunciou na mañá deste xoves o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Alfredo Llano. Todo apunta a que se programará para o vindeiro mes de marzo.

Llano dixo que “hai interese, de feito xa o falamos na Mancomunidade, e consideramos que é importante que os Bombeiros de Barreiros poidan dar información que sexa útil para evitar os incendios nas casas, que estamos vendo que son bastante frecuentes. Os últimos foron en Viveiro, pero tamén houbo en Burela e noutros moitos sitios. Son incendios evitables se se teñen os mínimos coidados. Por exemplo cando son pola queima de aceite en tixolas ou por ter moitos enchufes conectados á mesma toma. Todo isto dá lugar a incendios que se podían evitar”.

O presidente da Mancomunidade sinalou que “como consideramos moi importantes estas charlas para evitar que sigan ocorrendo incendios que son evitables vamos a comezar seguramente neste vindeiro mes de marzo con polo menos unha, pois xa o teño falado con responsables dos Bombeiros, que vai estar dedicada ás nocións básicas que se deben ter para evitar incendios nos fogares. Consideramos que é algo importante, porque estes sucesos están ocorrendo con moita frecuencia. Polo tanto todo o que se poida facer coa colaboración dos bombeiros considerámolo moi importante e estamos moi agradecidos de que o fagan así”.

E engadiu que “estas charlas se van facer non soamente en Burela senón tamén en todos os concellos que o soliciten. Vai ser unha información de primeira magnitude, con profesionais solventes, para polo menos intentar entre todos evitar o que é evitable”.

Exit mobile version