O máximo responsable provincial afirmou que “este é un bo exemplo do modelo formativo da EIS, que ten entre os seus sinais de identidade as prácticas en escenarios reais. Neste caso, os estudantes de 2º de Realización deben enfrontarse a todos os retos e dificultades que implica una emisión en directo. Aquí teñen a oportunidade practicar como realizadores, operadores de cámara, técnicos de son ou de manexar o material para o streaming, unha modalidade que cada vez ten máis demanda no mercado audiovisual”.
Referente a nivel nacional
Darío Campos tamén felicitou ao instituto focense “polo éxito desta iniciativa, que dende hai anos converte a Foz en capital nacional desta disciplina, fomentando a formación de calidade, impulsando o emprego no sector hostaleiro e promovendo a Mariña e a provincia de Lugo en xeral”. Este ano Participaron 16 Escolas de Hostalería de Galicia, León, Cantabria e Asturias e dous centros de Portugal. A provincia de Lugo tivo dous representantes: o centro anfitrión e o IES Sanxillao de Lugo.
A emisión en directo das tres competicións é froito do convenio de colaboración entre a Fundación e o instituto focense, que ten por obxectivo promover as ensinanzas de hostalería do IES mariñán e completar con prácticas a formación do alumnado da EIS. “Deste xeito, danse cita en Foz a formación de calidade na hostalería e no audiovisual”, apuntou Campos.
O xoves, os mellores profesionais
Logo da emisión o martes do IV Campionato Internacional de Cata de cafés de Escolas de Hostalería e este mércores do IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, este xoves, 18 de febreiro, poderase ver en www.fundaciontic.org o IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais. Reunirá a 14 dos baristas máis destacados de España, entre eles, o campión nacional de baristas de SCAE, Luis Blanco, e o campión nacional de latte-art de SCAE, Héctor Hernández.
Ademais terá lugar unha nova demostración barista a cargo de Kanalla Coffee, que reúne unha representación de baristas galegos, entre os que está a exalumna do IES de Foz, Sofía Prieto. Co material obtido da gravación das tres competicións, os alumnos da Escola de Imaxe e Son editarán un DVD que se entregará posteriormente ao IES de Foz.