Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia creará o portal web de proximidade para que os cargos do PP de Lugo estean máis preto dos cidadáns

Lugo, 15 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia, de resultar vencedora na próxima cita congresual, porá á disposición dos lucenses todo un paquete de medidas para que os cargos públicos estean máis preto dos cidadáns e dispoñan dunha nova canle para interactuar con eles aproveitando as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías, internet e as redes sociais.

Portal web de proximidade
Unha das primeiras propostas será a posta en marcha do portal web de proximidade, que xa funciona noutras comunidades, sendo a pioneira en Galicia. O obxectivo desta figura é o de trasladar o modelo anglosaxón ás novas formas de facer política buscando que os distintos cargos representativos sexan máis territoriais e próximos aos problemas dos cidadáns.

“Trátase de que, no PP de Lugo, a sociedade atope unha porta aberta cos seus representantes públicos. Que cada deputado achegue a súa actividade ás inquietudes dos veciños e aos pobos e que manteña un contacto directo con eles”.

Dentro deste portal web, os cidadáns poderán poñerse en contacto con calquera cargo institucional do noso partido a través do correo electrónico, vía whatsapp ou nos perfís das redes sociais, todo iso coa finalidade de que calquera persoa poida trasladarlle calquera consulta, queixa ou suxestión.

Os parlamentarios autonómicos, provinciais ou nacionais asumirán, pola súa banda, a obrigación de dar resposta en 72 horas ás cuestións formuladas. En caso de non recibir contestación neste prazo dentro do mesmo portal habilitarase a posibilidade de poñer en coñecemento ao Partido deste atraso para que se proceda a dar contestación ao cidadán.

Liña directa coa militancia
Así mesmo, a candidatura que encabezan Elena Candida e Ramón Carballo queren aproveitar este novo portal web como ponte máis directa entre a organización e os seus afiliados e simpatizantes.

A tal efecto deseñará unha aplicación (APP) para os teléfonos móbiles accesible tamén a través de Internet como canle de participación e comunicación cos mesmos usando as novas tecnoloxías e con especial atención ás novas xeracións.

A través desta ferramenta poderán acceder ás últimas novas do partido, comunicarse cos representantes de cada institución, ás distintas convocatorias de reunións, así como poder deixar suxestións aos responsables que estimen oportunos.

Encontros dixitais
Finalmente aquelas persoas que integren os postos de dirección comprométense a participar en entrevistas periódicas que se organizarán mensualmente a través dos encontros dixitais.

Exit mobile version