Lugo, 18 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular na provincia de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, anuncia este xoves a incorporación ao seu equipo do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e da presidenta da Asociación Síndrome de Down Lugo, María José Blanco Freire.
Elena Candia pon en valor o traballo no eido local levado a cabo polo rexedor desde que accedeu á alcaldía e o papel destacado na área social que María José Blanco ten demostrado. “Podemos dicir que ambos os dous suman unha grande experiencia e profesionalidade nos ámbitos nos que se realizan o seu traballo, Castosa no marco da administración local e Blanco cunha ampla traxectoria no eido asociativo”.
Perfiles
A lucense María José Blanco Freire é funcionaria da Deputación de Lugo. É a fundadora da Asociación Síndrome de Down Lugo, entidade que preside desde hai vinte anos. Destaca o seu papel activo no tecido asociativo da cidade.
Pola súa banda, o compromiso de Armando Castosa cos lucenses evidénciase en que leva sete lexislaturas acadando o apoio maioritario dos seus veciños e sendo, polo tanto, dende 1991 alcalde de Cospeito. Ademais, entre os anos 2008 e 2015 foi senador e deputado provincial nos mandatos 1995 a 1999 e 2007 a 2011. Preside tamén a Mancomunidade de Municipios da Terra Chá.
Confianza da militancia
A ex presidenta da Deputación agradece a boa resposta que está a ter na campaña interna no marco da cal está a facer visitas polas diferentes agrupacións comarcais da provincia e afirma que “cada día son máis os militantes que nos confían as súas achegas para o futuro do partido”.