Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia manterá reunións periódicas con organizacións e movementos sociais co obxecto de “non perderlle o pulso á sociedade”

Lugo, 26 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia provincial do Partido Popular na provincia de Lugo Elena Candia comprométese a manter reunións periódicas con organizacións e movementos sociais, co obxecto de non perderlle o pulso á sociedade.

A alcaldesa de Mondoñedo di que esta acción debe ir máis alá dun simple compromiso e por iso anuncia a creación dun órgano ou secretaría sectorial, de carácter permanente, que se encargará destas tarefas de mediación cos distintos colectivos.

“Vemos imprescindible manter de xeito periódico, e non só antes das eleccións, xuntanzas con sindicatos, colexios profesionais e organizacións cívicas, co obxecto de consensuar posturas e tomar o pulso constante á sociedade”

Para a candidata á presidencia provincial do Partido Popular ser a forza política con maior apoio no conxunto da provincia, implica tamén unha maior responsabilidade, así como a de esixirse a necesidade de diálogo permanente e de construción de consensos.

“Debemos saber dialogar, saber escoitar e facelo dun xeito periódico, tanto para recibir ideas como para dar conta da nosa acción de goberno. Estamos obrigados a pulsar periodicamente á sociedade e a chegar a acordos”.

A rexedora de Mondoñedo quere trasladar á estrutura provincial do partido a proximidade ao cidadá que aprendeu como alcaldesa en exercicio e sinala que moitas das achegas que recibe de militantes e veciños da provincia insisten na importancia dun maior contacto coa sociedade.

Exit mobile version