Elena Candia dixo que “somos a candidatura dos militantes” e de resultar elixida no congreso do próximo domingo 6 de marzo “o que máis peso vai gañar no noso partido non vai ser a nova dirección, nin a nova presidenta, senón cada un dos militantes” e nesta liña “estamos a traballar, para que os compromisarios se sintan partícipes do noso proxecto”, engadiu. “Non buscamos recoller só o seu apoio, senón darlles voz e participación no noso proxecto”, matizou.
A alcaldesa de Mondoñedo aproveitou a reunión para agradecer o apoio da militancia da cidade de Lugo, onde a súa candidatura obtivo máis votos e conta co apoio dos 163 compromisarios electos. Ao mesmo tempo que deu as grazas polo respaldo da agrupación máis grande, tamén anunciou que o seu proxecto ten o apoio do concello “máis pequeno da provincia, o de Negueira de Muñiz” de onde resaltou a xuventude da voceira local, Sonia López Méndez, que con 24 anos “se converte nunha das máis novas de Galicia”.
Neste senso, a ex presidenta da Deputación engadiu que “na nosa executiva e no noso partido”, – de ser a de Candia e a de Ramón Carballo a candidatura elixida o seis de marzo para guiar as rendas do Partido Popular en Lugo-, “terán o seu propio espazo tanto as agrupacións máis grandes como as máis pequenas da provincia”.