Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada a reunión mensual entre o Grupo Municipal de Veciños Independentes de Alfoz e o resto da agrupación

Alfoz, 17 de febreiro de 2016.- O pasado fin de semana reuníronse os membros do Grupo Municipal de VIA no concello co resto dos membros da Agrupación de Veciños Independentes de Alfoz, para tratar temas sobre a actualidade do concello. Nesta reunión repasáronse os traballos feitos nos últimos meses polo equipo de goberno en xeral e polas concellerías representadas por Carmen Geada Maseda e Xabier Pardiñas Suárez, concelleiros electos de VIA. Os membros da agrupación animaron aos seus representantes no concello a continuar traballando con humildade e ilusión, así como buscando o máis amplo consenso posible entre os grupos municipais. Ademais demandaron unha maior información aos veciños sobre as xestións que se están a levar a cabo, “estanse tratando temas moi importantes para o concello polo que tamén é importante que os veciños e veciñas de Alfoz os coñezan”, apuntan desde a agrupación. O portavoz do grupo municipal, Xabier Pardiñas, comprometeuse a transmitir esta inquedanza ao grupo de goberno. Por outro lado recordou que no pleno ordinario do pasado mes de xaneiro se aprobou a creación dunha Comisión de Transparencia, formada por membros de todos os grupos municipais, á que propoñerá a redacción dunha ordenanza reguladora sobre a información que se debe mostrar a través do Portal de Transparencia do concello, garantíndolle aos veciños a información sobre contratos, adxudicacións, subvencións, gastos… Este Portal de Transparencia será público a través da nova páxina web do Concello de Alfoz que se poñerá en marcha ó longo deste mes de febreiro.

Na reunión tamén de trataron os asuntos do último pleno, no cal se aprobaron os Orzamentos Municipais para 2016 así como a Ordenanza Xeral Reguladora do Uso e Aproveitamento Especial de Vías Públicas, Accesos e Peches das Fincas Colindantes e Espazos de Titularidade Municipal.

Respecto aos orzamentos, Pardiñas explicou as diferentes partidas presupostadas apuntando que se trata dun presuposto onde se debe facer fronte á amortización da actual débeda do concello, e onde os investimentos se centrarán na mellora viaria e no mantemento das infraestruturas existentes, destacando as actuacións necesarias en instalacións deficientes como a ETAP, o pavillón municipal ou o castelo.

No referente ás ordenanzas destacouse que existían problemas na aplicación dalgunhas delas, “nalgúns casos porque se estaban aplicando de forma incorrecta”, como no caso da ordenanza reguladora da taxa por expedición de las licenzas de apertura de establecementos, “e noutros casos nin tan sequera se estaban aplicando”, apunta Pardiñas. Respecto a isto último, a nova ordenanza, aprobada por consenso dos tres grupos, substitúe a unha existente que non se estaba aplicando. O obxecto desta nova ordenanza é a regulación do uso común especial dos camiños e vías de titularidade municipal, tanto no referente ás sacas e transporte de madeira como na regulación da execución de peches na súa colindancia cos camiños, de forma que os mesmos non impidan ou dificulten as labores de mantemento e roce, e a execución de salvacunetas para acceso ás fincas.

A agrupación de Veciños Independentes de Alfoz seguirase reunindo periodicamente para recoller as peticións de todos os membros e as achegadas polos veciños para o que se pon á súa disposición a través de calquera dos membros do grupo municipal e nos correos vialfoz@gmail.com e grupovia@concellodealfoz.com

Exit mobile version