Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron as obras das pistas de pádel que o Concello de Cervo constrúe en San Cibrao

110216 VISITA OBRAS PISTAS DE PÁDEL CERVO (2)Cervo, 11 de febreiro 2016.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ven de anunciar que “xa empezaron as obras para a construción das pistas de pádel en San Ciprián”. Estas dúas pistas situaranse nas instalacións deportivas que ten o Concello xunto ao campo de fútbol e ao pavillón municipal de A Veiga. Para o rexedor municipal “é o sitio idóneo para centralizar toda a oferta deportiva do noso Concello nesas instalacións”. Villares visitou o lugar acompañado polo concelleiro de Deportes, José Ramón Soto.

Unha das pistas será cuberta e o custe total das obras é de 160.800 euros dos que financiará 92.000 a Deputación Provincial. O alcalde explicou que “é un convenio que se firmou coa Deputación durante o anterior goberno provincial, do Partido Popular, e é o primeiro que asina este Concello co ente provincial nos últimos oito anos e medio”. E engadiu que “nos oito anos anteriores, cando estaba na Presidencia da Deputación o Partido Socialista non houbo nin unha soa inversión no Concello de Cervo”. Pola contra “houbo sancións, sendo o primeiro concello sancionado con 20.000 euros en toda a provincia de Lugo e tamén houbo unha serie de expedientes abertos sen sentido ningún contra o Concello de Cervo”. Por iso o rexedor salienta que “este primeiro convenio que se firmou despois de oito anos de auténticos nuboeiros para os intereses do Concello de Cervo é unha satisfacción para nós”.

Alfonso Villares subliña que “esta obra e esta nova oferta deportiva é importante sobre todo nos tempos nos que estamos, en que o deporte, e sobre todo o pádel, está tendo cada vez máis auxe; e non só este deporte en si senón tamén todo o que supón as persoas e o movemento social que leva consigo”.

Exit mobile version