Site icon Crónica3.com A Mariña

Cortada ao tráfico por melloras a LU-P-0101 de Gontán a Ferreira do Valadouro

A Deputación de Lugo cortará ao tráfico temporalmente a estrada provincial LU-P-0101 de Gontán a Ferreira do Valadouro para levar a cabo melloras. Concretamente, farao entre os puntos quilométricos 20+800 ao 21+500, durante os días 10 e 17 de febreiro ambos incluídos.

Este corte prodúcese pola necesidade de repoñer, de xeito urxente, un muro de contención que se encontra danado debido aos temporais de neve, choiva e vente que durante os meses de decembro e xaneiro influíron na zona.

Os traballos, que contan cunha achega de ao redor dos 8.000 euros, consistirán na reposición do muro con bloques de perpiaño en sentido ascendente.

As máquinas que se empregarán para as obras son camións para transportar todo o material ata a zona, e unha grúa pluma coa que os 4 operarios que traballarán na zona poderán desprazar e colocar os bloques.

Protocolo de emerxencias
Dende o pasado día 3 de febreiro, a Deputación ten activado o protocolo de emerxencias para seguir o recorrido do vórtice polar, que afectará aos fluxos de aire rápidos que se atopan na atmosfera. Este fenómeno prodúcese polo quentamento súbito, producindo borrascas profundas, con precipitacións moi abundantes e intensas, nun curto período de tempo.

Segundo as primeiras previsións, espéranse fortes choivas entre as 16.00 e 18.00 horas, con máis de 10L/m2. Ademais, tamén haberá intensas nevadas a partires das 00.00 horas do domingo, na Montaña Lucense que, previsiblemente, durarán ata primeira hora da mañá do domingo.

Exit mobile version