Site icon Crónica3.com A Mariña

“É a nosa obriga dar solucións ás necesidades dos mozos e precisamos que eles participen de xeito activo na busca desas solucións”

Lugo, 10 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo asegura que no “noso proxecto integrador, no que avogamos pola combinación e compenetración de experiencia e xuventude, consideramos que Novas Xeracións debe xogar un papel fundamental”.

Con este obxectivo, representantes de NNXX integraranse en todas as áreas de traballo que se establezan no seo do partido a nivel provincial. “É a nosa obriga dar solución ás necesidades dos mozos e precisamos que eles mesmos participen de xeito activo nesa aportación de solucións. Queremos darlle ós mozos un tratamento transversal e que nese tratamento eles participen activamente”, explica a candidata popular.

“Nós apostamos por unha xuventude formada, responsable e traballadora como base necesaria para asegurar o futuro do país e que, cunha actitude dinámica e optimista, afronten os retos que temos por diante”, engade.
Raquel Arias tamén considera que é a xente nova do partido “a chamada a articular a mensaxe e as fórmulas coas que achegarnos ós máis novos. Ninguén mellor que eles coñecen as inquedanzas e necesidades dos seus compañeiros de xeración”.

Na súa opinión é “unha obriga” incitar o compromiso da xuventude coa política e para elo hai tamén que “comprometer a política cos mozos”. Un compromiso que, segundo enfatiza, só é posible “dándolles unha voz máis preponderante na estrutura do noso partido e sobre todo amplificándoa fora del”.

“A integración dos mozos ás bases do noso partido é unha necesidade. Porque se falamos e pensamos en futuro, non hai dúbida de que os mozos representan en si mesmos ese futuro e o único camiño para asegurar o relevo xeracional”, explica. “Precisamos deles para facer do PP de Lugo unha formación dinámica e participativa. Outra das premisas fundamentais do noso proxecto político para a provincia”, engade.

“Temos mozos de gran valía, iniciativa e intuición, e, sobre todo, comprometidos cos ideais que representa o Partido Popular. Mozos que”, segundo a súa impresión, “están dispostos a traballar por todo o que significan as nosas siglas. E a nosa vontade é aproveitar esa potencialidade”.

“O noso proxecto para o PP de Lugo conta coa súa aportación, precisamente nesa visión de que a suma otorga forza e vitalidade ó noso partido”.

Exit mobile version