Eduardo Chao visita á zona para comprobar in situ o estado das vias provinciais LU-P-0101 e LU-P-6306
Eduardo Chao, visitaba este martes a parroquia do Cadramón, logo de recibir queixas da veciñanza ao ver que a maquinaria da empresa encargada pola Deputación para o mantemento destas vías abandonaba a zona sen resolver os problemas na LU-P-0101 que está cortada e está a causar importantes problemas para a xente da zona para comunicarse coa capitalidade municipal onde están a maioría dos servizos, tamén co resto da comarca onde lembrou, se ven obrigada a desprazarse por motivos laborais e mesmo sanitarios para acudir ao Hospital da Costa. “Non pode ser que desde o 11 de xaneiro exista un problema así que por riba se agravou co corte da estrada o 10 de febreiro e de momento non se aclare cando vai quedar arranxado”, afirmou Chao.
Reclamación por carta ao departamento de Vías e Obras para reclamar solucións urxentes aos problemas de comunicación da xente do Cadramón
O Concelleiro de Obras despois de visitar a zona e estar coa veciñanza, reclamou por escrito ao departamento de Vías e Obras da Deputación, solucións urxentes non so para a LU-P-0101 que comunica Ferreira e Abadín, tamén para a LU-P-6306, usada como vía alternativa pola veciñanza do Cadramón para comunicarse con Ferreira e coa zona norte da comarca, que lles supón mais de 20 minutos de atraso por unha estrada que ademais está nun estado lamentábel fundamentalmente polas sacas de madeira.
O portavoz nacionalista reclamou solucións mediante a habilitación de partidas económicas ao ente provincial que permitan non so recuperar o firme da estrada LU-P-0101, senón tamén as melloras necesarias na vía LU-P-6306, actualmente, en moi mal estado.