Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia combina experiencia e renovación ao integrar no seu equipo a Carlos Armesto e Mercedes Rodríguez

Lugo, 11 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia incorpora ao seu equipo ao vicevoceiro do Grupo Provincial do PP e tenente alcalde de O Saviñao, Carlos Armesto, e á letrada focense Mercedes Rodríguez Moreda. “Valoramos a experiencia de Carlos Armesto desde o seu papel como concelleiro en O Saviñao e como voceiro á fronte da Deputación e vicevoceiro agora, como o valor engadido que representa incorporar ao proxecto a Mercedes Rodríguez, unha profesional de recoñecido prestixio vinculada ao sector pesqueiro”, explica.

O equipo da alcaldesa confirma que Carlos Armesto formará parte da xunta directiva. Candia agradece o apoio da Agrupación local de O Saviñao trasladada de xeito directo polo seu alcalde, Joaquín González. Tamén estima o traballo que está a desenvolver Carlos Armesto como vicevoceiro do Grupo Provincial do PP.

A candidatura liderada por Elena Candia e Ramón Carballo trasladan a súa vontade de contar con persoas representativas dos distintos ámbitos económicos e sociais da provincia para impulsar o partido, a través de persoas coñecedoras da súa terra, a súa xente e a súa realidade, como son as persoas que hoxe se suman ao proxecto. Mercedes Rodríguez é na actualidade xerente da organización de produtores pesqueiros de Lugo e, polo tanto, coñece de primeira man un dos sectores primarios fundamentais da economía lucense.

A ex presidenta da Deputación subliña a importancia de incorporar ao seu equipo a profesionais relacionados con organismos independentes, como as organizacións pesqueiras.

Perfiles
Juan Carlos Armesto Quiroga ten estudos Superiores de Formación profesional na rama de administrativo. Dende o ano 1991 exerce de primeiro tenente de alcalde no Concello de O Saviñao e actualmente é vicevoceiro do Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo. Armesto foi voceiro do Goberno e deputado delegado de Turismo, Patrimonio e Centro de artesanía e deseño no mandato de Elena Candia á fronte da institución. Tamén foi presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.

Mercedes González é Licenciada en Dereito con Grao pola Universidade de Santiago de Compostela, Premio Extraordinario de Licenciatura. É membro do Consello Galego de Pesca, así como dos Consejos Consultivos Regionales de Aguas Occidentales del Norte, Aguas Occidentales del Sur e do futuro de Aguas Lejanas. Colaborou coa Unión Europea en proxectos de irmandamento con Rumanía, Bulgaria, Estonia e Lituania. Participou en diversos Grupos de Trabajo de la Comisión Europea para o Pez Espada, Plan de Recuperación de Merluza de Gran Sol, Plan de Recuperación de Merluza del Cantábrico e outros. Ten intervido en distintas ocasións na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, e foi profesora colaboradora no Curso de Postgrado de Economía Pesqueira organizado pola USC.

Exit mobile version