Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia conta co respaldo de máis do 80% dos concellos que xa teñen decididos os seus compromisarios

2016-02-20-1686Lugo, 21 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia conta con máis do 80% dos apoios daqueles concellos que xa teñen elixido os seus compromisarios e que non precisan facer unha votación. Así, dos 55 concellos nos que xa se teñen proclamado os compromisarios, no 80% deles os alcaldes e agrupacións locais téñenlle amosado o seu respaldo ao equipo que encabezan Elena Candia e Ramón Carballo.

A rexedora de Mondoñedo agradece a confianza que estas agrupacións locais lle teñen manifestado, así como a boa sintonía que se está a dar nas reunións que mantivo pola provincia “nas que cada vez a militancia nos achega máis propostas e inquedanzas”, explica.

Elena Candia agradece de xeito especial o apoio dese máis do 80% de agrupacións locais que xa teñen asignados aos seus representantes, posto que “sitúan a miña candidatura nun bo posto de saída para a votación que terá lugar o vindeiro día 6 de marzo no congreso extraordinario”.

A ex presidenta da Deputación pon en valor as xuntanzas mantidas onte en Lugo, que por vez primeira e como xesto de proximidade coa militancia se celebraron nos distritos. “A asistencia, máis de 300 persoas nas reunións que fixemos onte, indícannos que a decisión de achegarnos aos distritos foi acertada”, engade Candia.

Reunión sectorial
A candidata á presidencia do partido mantivo hoxe mesmo unha reunión coas persoas que ten incorporado ao seu equipo e que representan aos diferentes sectores estratéxicos da provincia. No encontro, no que participaron, amais da candidata, o presidente do Consello Regulador da Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, a médico Encarna Amigo, a presidenta do Colexio de Veterinarios, Ana María López Pombo, a letrada Mercedes Rodríguez e a presidenta de Síndrome Down Lugo, María José Blanco, deron comezo co esbozo dunha proposta sectorial integral que dea resposta ás inquedanzas que traslada a militancia.

O equipo multidisciplinar que ten conformado Elena Candia conta con representantes dos sectores con peso na provincia, como o primario, da pesca, a sanidade, a política social e o viño. Así, no campo vitivinícola falouse da necesidade de regulamentar as normas de plantación e abandono, adaptar a normativa de tratamentos fitosanitarios e solucionar a tramitación de carnés de manipulador dándolle competencias aos técnicos dos consellos para poder impartir os cursos. Tamén no ámbito pesqueiro se falou da defensa dos intereses do sector.

En materia social, adoptouse a decisión de reunirse con todo o asociacionismo da provincia nos primeiros tres meses do mandato. E no campo da sanidade a candidatura de Candia proponse ser un interlocutor
das necesidades e problemas dos usuarios e profesionais sanitarios e defender os hospitais que operan na provincia.

No ámbito agrogandeiro a proposta pasa por crear unha mesa de traballo cos titulares de explotacións de vacún e outros profesionais para abordar medidas que axuden a xestión das explotacións para que gañen en rendabilidade. Suxiren ademais crear un espazo de traballo que incorpore ás industrias alimentarias para potenciar a súa expansión a través sobre todo de distintivos de calidade, como son los etiquetados facultativos, sistemas de exportación á UE e a terceiros países onde Galicia conta con potencial.

Exit mobile version