Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia creará un gabinete de apoio “técnico, xurídico, político e de comunicación” ao servizo dos portavoces dos grupos municipais da provincia

Lugo, 10 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do PP de Lugo Elena Candia quere reforzar a asistencia que desde a dirección provincial se lles presta aos responsables municipais na oposición e, con este obxecto, de saír elixida, creará un gabinete de apoio técnico, xurídico, político e de comunicación ao servizo dos portavoces e dos Grupos Municipais de toda a provincia.

Candia explica que aqueles concellos nos que o Partido Popular ten a responsabilidade de liderar a oposición precisan dun apoio reforzado, ao dispoñer de menos medios, e por iso ampliará o asesoramento que se lles presta actualmente desde a dirección provincial. En concreto, o novo gabinete ofrecerá tamén asistencia xurídica, técnica e en estratexias de comunicación ou acción política.

A candidata á presidencia provincial tamén indica que os portavoces locais teñen que gañar protagonismo na executiva provincial e comprométese a darlles maior espazo para que poidan trasladar as inquedanzas e peculiaridades propias da acción política desde a oposición, o que servirá, á súa vez, para gañar eficacia nestes concellos e crear alternativas de goberno máis sólidas.

Redes Sociais
A súa vez Candia impulsará o uso, en cada agrupación local, das oportunidades que as novas tecnoloxías e internet ofrecen, mediante a coordinación e impulso do manexo das redes sociais (RRSS) para facer chegar á cidadanía a mensaxe dunha forma fluída e coordinada a través destas canles, cada vez máis empregadas, en especial, pola xuventude.

A candidatura que encabeza Elena Candia e Ramón Carballo continúan dando conta das súas propostas de cara a mellorar o funcionamento interno do partido para continuar acadando a confianza maioritaria da militancia, no Congreso provincial extraordinario que esta formación política convocou para o vindeiro seis de marzo.

Exit mobile version