Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia porá en marcha o “buzón do afiliado”, unha nova canle de comunicación directa cos militantes

Lugo, 25 de febreiro de 2016.- A candidatura que encabeza Elena Candia porá en marcha o buzón do afiliado, para operar como unha nova canle de comunicación directa entre os militantes e a presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, se así se decide o día 6 de marzo no Congreso extraordinario.

Este novo espazo de comunicación servirá para recoller suxestións, propostas e inquedanzas dos máis de 12.000 afiliados lucenses, aos que Elena Candia quere seguir escoitando, non só durante este proceso electoral interno senón tamén ao longo de todo o mandato.

“Os afiliados do Partido Popular reclaman máis presenza e protagonismo na vida diaria do partido e creo que esta pode ser unha ferramenta máis áxil e inmediata de contacto coa futura dirección”.

A candidatura que encabezan Elena Candia e Ramón Carballo vén realizando ao longo das últimas semana unha batería de propostas coas que busca afianzar a participación dos militantes e incrementar a información que reciben do partido.

Entre estas propostas destaca a creación das novas xuntas comarcais con elección directa dos seus dirixentes, o compromiso de maior periodicidade destas reunións ou o deseño dunha nova web e dunha aplicación móbil que busca unha maior interacción e proximidade cos militantes e co conxunto da cidadanía.

Satisfeita cos apoios
Por outra banda, Candia quere poñer en valor os apoios que está a recibir de destacados dirixentes, alcaldes, portavoces e militantes do Partido Popular na provincia de Lugo, o que interpreta como un respaldo da militancia a un proxecto que está a xerar moita ilusión entre os populares lucenses.

Indica que o proxecto que encabeza se diferenza da alternativa en que non é personalista e, polo tanto, considera positivo que os afiliados vaian coñecendo de antemán o equipo que aspira a tomar as rendas do Partido Popular na provincia de Lugo despois do día 6 de marzo.

“Outros non poden facelo porque, ou non teñen equipo, ou cada vez este é máis reducido ao atoparse con dificultades á hora de sumar apoios ao seu proxecto”, engade.

Exit mobile version