Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia reforzará o peso e papel dos mozos de Novas Xeracións dentro da dirección do Partido Popular de Lugo

Lugo, 11 de febreiro de 2016.- A candidata á presidencia do Partido Popular de Lugo Elena Candia reforzará o “peso e o papel” que teñen as mozas e mozos de Novas Xeracións dentro da estrutura de dirección do Partido Popular a través da toma de decisións inmediatas e de propostas concretas. Así, avanza que a persoa que ostente o cargo de presidente ou presidenta de NNXX formará parte do Comité de Dirección.

A candidata comprométese tamén a organizar reunións periódicas cada dous meses cos membros de Novas Xeracións de cara a pulsar as súas inquedanzas e poder incorporar as súas achegas. Elena Candia avoga ademais porque, de xeito obrigatorio, haxa presenza de integrantes da asociación xuvenil en cada candidatura.

Maior presenza, participación e voz
Candia quere que a xuventude teña “maior presenza, participación e voz”.
“O Partido Popular sempre contou cos mozos, algo evidente xa que NNXX sempre foi unha canteira de políticos da que moitos saímos, pero queremos incrementar a súa presenza naqueles órganos de decisión do PP”, engade.

Para a candidata debe rematar ese contraste entre “o partido dos adultos e dos mozos” e o mellor xeito de facelo é traballar unidos tanto na dirección provincial como nas distintas agrupacións locais.

A ex presidenta da Deputación de Lugo indicou que “todos os mozos lucenses teñen as portas abertas para expoñer as súas queixas, aportar ideas ou, simplemente, coñecer o funcionamento do partido”.

A candidatura que encabeza a alcaldesa de Mondoñedo e Ramón Carballo sigue dando conta das súas propostas para a mellora do funcionamento interno e trasladará estas e outras iniciativas nas xuntanzas que se desenvolvan pola provincia durante o proceso pre-congresual.

Exit mobile version