Site icon Crónica3.com A Mariña

Elena Candia: “Somos a candidatura dos militantes do PP de Lugo, eles motivaron que demos este paso e queremos ser merecedores da súa confianza”

20160205082335Lugo, 5 de febreiro de 2016.- A alcaldesa de Mondoñedo e voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, anunciou este venres que presentará a súa candidatura para relevar a José Manuel Barreiro na presidencia do partido a nivel provincial. “Somos a candidatura dos militantes do PP de Lugo, eles motivaron que demos este paso e queremos ser merecedores da súa confianza”, expuxo.

A popular subliñou que a súa “non é a candidatura de Barreiro, de Feijóo nin de Rajoy, non hai etiquetas, polo que somos a candidatura que a nosa vocación é a de representar a todos os militantes desta provincia”.

Recoñecemento a Barreiro
Elena Candia ofreceu na tarde deste venres unha rolda de prensa acompañada por Ramón Carballo, subdelegado en funcións do Goberno do Estado en Lugo, quen concorrerá como vicepresidente na súa lista. Ambos os dous tiveron palabras de recoñecemento á figura do presidente José Manuel Barreiro “quen non marcha, senón que segue a ser unha figura clave no PP lucense, no galego e en Madrid, como líder da maioría do Senado.

“O seu exemplo, compromiso, a súa dedicación, capacidade de traballo, liderado e xenerosidade son un exemplo para todos, o mellor presidente que nunca tivo este partido e merece que se coide o seu legado”, incidiu.

Elena Candia e Ramón Carballo presentaron un proxecto de futuro baseado na ilusión, nos valores e principios que representa o PP e no reto que presentan os lucenses: máis participación, máis transparencia, máis iniciativa e solucións eficaces. Defenderon a presentación dun proxecto “de moita xente” e que conta cos apoios suficientes para presentar unha candidatura, un proxecto “que combina con acertado equilibrio experiencia e renovación”.

“Coñecemos o partido, o seu funcionamento interno, a súa capacidade de mobilización, e as moitas ganas que ten de seguir representando unha opción de maioría nesta provincia. Cremos que aínda é posible seguir mellorando en moitos aspectos o funcionamento do Partido Popular en Lugo e a iso dedicaremos os nosos esforzos”, engadiu.

Outras opcións
Con respecto ás outras opcións que poidan darse, Candia explicou que “todas eles son respectables, neste partido non hai adversarios senón compañeiros e o noso obxectivo é facer equipo e ofrecer o mellor proxecto político para esta provincia”.

Exit mobile version