Site icon Crónica3.com A Mariña

Entroido larpeiro

A orixe do entroido pérdese no tempo. Houbo épocas nas que ninguna aldea deixaba de vivir as súas entroidadas, sinxelas e liberadoras. Festas colectivas e populares, nas que todos tomaban parte. Na Galicia dos antergos o entroido sinalaba o fin do inverno e a chegada das sementeiras e o comezo da coaresma… A afección á mesa abondosa e ás libacions xenerosas son compoñentes que nos definen. O noso país sufríu fames históricas ó punto que estudosos –coma o doutor García Sabell, médico e antropólogo eminente- chegaron a afirmar que a obsesión pola comida non porque abunde, senon porque non a houbo, tese que compartía o prestixoso xornalista e gastrónomo Jorge Víctor Sueiro, inesquecible amigo, que vía nas fames galegas, a inclinación ás grandes comidas e cuchipandas, reacción contra a penuria sufrida, temendo que no futuro non estarían bastante alimentados…

Carlos Martínez Barbeito no libro “Galicia”, sen negar a verdade tópica que nos define só por melancólicos e soñadores,asegura que “o galego, cando se tercia, é espléndido e báquico, gran comedor, gran bebedor e gran fornicador e dono da plenitude da vida…”.

O Carnaval polos nosos pagos viviu a evolución ó igual que fixeron tódalas manifestacións sociais, culturais e lúdicas; pero mantén a copiosa degustación do animal que é o rei da cociña, o porco,imperio que comparte cos mariscos e os peixes das nosas costas, sendo número principal do antroido o desfile polo prato do lacón e a “cachucha”, o touciño e a costela; a orella e o rabo; o lacón e os chourizos…co aditamento de garabanzos, grelos e patacas; regado too por un bó Ribeira Sacra; todo co epílogo duns postres tradicionais e exquisitos: filloas, orellas de frade, flores do entroido, rosquiñas, follas de limoeiro, chulas…

Esquezamos por uns días, lector amigo,os ácidos úricos e colesterois;hipertensións, glucosas e demais atrancos, e comamos e bebamos. A austera coresma chega de contado e non vaia ser que os xaxúns e abstinencias que nos esperan nos pillen sen reservas.Xa o dí a vella cantiga: “¡Adeus, martes do entroido/ adeus meu amiguiño/ ata domingo de Pascua, non comerei mais touciño!”

Exit mobile version