Site icon Crónica3.com A Mariña

“Laretas da igualdade” é o nome do programa posto en marcha en Ribadeo para fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero entre o alumnado da ESO

CARTEL Laretas da igualdade-page-001Ribadeo, 22 de febreiro de 2016.- A Concellaría da Igualdade pon en marcha o programa Laretas da Igualdade, co obxectivo de fomentar a igualdade e a prevención da violencia de xénero entre o alumnado da ESO. Inclúe sesións presenciais nos centros educativos todos os luns e venres e a convocatoria de dous concursos, un de carteis contra a violencia de xénero e outro de anuncios non sexistas ou vídeo memes, segundo deron a coñecer nesta xornada a edil Mariluz Álvarez Lastra e a responsable do CIM, Luísa Couceiro.

Desde a Concellaría de Igualdade, a través do Centro de Información ás Mulleres, levárase a cabo un programa formativo en materia de igualdade que se denomina #laretasdaigualdade nos centros de educación secundaria de Ribadeo. “A educación preséntase como factor clave para a igualdade e vén a ser un piar fundamental sobre o que se asentan as políticas de igualdade do Concello de Ribadeo”, dixo Álvarez Lastra.

A edil nacionalista subliña que “a educación é a mellor arma para combater a desigualdade, desaprender o modelo tradicional e incorporar novos conceptos que nos axuden a conseguir unha igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Un dos espazos de socialización máis importantes ao que nos enfrontamos é o colexio ou o instituto. Hoxe en día vense casos de violencia a idades máis temperás. A influenza de determinados programas de índole sexista está a deixar pegada na mocidade e faise preciso mudar o rumbo para chegar ao porto da igualdade e aos bas tratos. Ao sistema educativo hai que dotalo de ferramentas para combater o sexismo”.

#laretasdaigualdade é un programa orientado ao fomento da igualdade e á prevención da violencia de xénero entre o alumnado da ESO a través da posta en valor da aprendizaxe, da creatividade individual e grupal e da comunicación social. Luísa Couceiro e Mariluz Álvarez Lastra dixeron: “pretendemos coas accións que imos propoñer no marco de #laretasdaigualdade espallas en diversos formatos a mensaxe da igualdade e da non violencia contra as mulleres”.

“Por unha banda, #laretasdaigualdade comprende a dinamización entre todo o alumnado da ESO de Ribadeo dun concurso de carteis contra a violencia de xénero e, por outra, o desenvolvemento dun programa formativo en publicidade non sexista e creación dun guión publicitario, para alumnado de 3º e 4º da ESO, que finalizará tamén coa convocatoria dun concurso de anuncios non sexistas ou vídeo memes”, engaden desde o CIM.

As sesións presenciais xa en marcha nos centros educativos de Ribadeo. Iniciáronse este luns pola mañá e continuarán pola tarde no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros e o venres no colexio Sagrado Corazón. Todos os luns e os venres o alumnado de 3º e 4º da ESO participará nas sesións do programa formativo #laretasdaigualdade.

Exit mobile version