Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra: “Na pesca, ao igual que na agricultura, cómpre alianzas en base á defensa dun modelo sustentábel”

Bruxelas, 9 de febreiro de 2016.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, atópase xa en Guiné Bissau, onde integrará dende este mércores unha delegación europarlamentaria impulsada pola Comisión de Pesca do Parlamento Europeo -na que Senra é representante suplente para o Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)- neste Estado da África occidental.

Xunto a eurodeputadas/os portugueses e do Estado español, Senra manterá este mércores un encontro a primeira hora co presidente da Assembleia Nacional Popular (ANP), Cipriano Cassamá, á que seguirá unha xuntanza de traballo co Xefe da Delegación da Unión Europea en Bissau, Víctor Madeira dos Santos. A axenda institucional para este mércores completarase con entrevistas co Secretario de Estado para a Pesca e a Economía Marítima, Ildefonso Barros; o Secretario de Estado de Transportes e Comunicacións, João Bernardo Vieira e o Primeiro Ministro de Guiné, Carlos Correia.

Nesta primeira xornada está programada dende as 11:00 e até as 13.00hrs. un encontro con representantes da sociedade civil.

Na segunda xornada de traballo en Bissau a delegación parlamentaria achegarase a coñecer directamente a situación do sector pesqueiro desenvolvendo durante a mañá do xoves un plan de traballo no Porto de Bissau, onde acudirán ao Instituto Marítimo -institución responsábel do rexistro de barcos, infraestruturas portuarias e seguridade marítima-, ao Centro de Busca e Salvamento e manterán unha xuntanza con asociacións de armadores, mariñeiros e traballadores portuarios.

A tarde comezará ca visita á Secretaría de Estado das Pescas, onde coñecerán o Centro de Vixilancia da Pesca (FISCAP), a Dirección Xeral da Pesca Industrial -organismo encargado de emitir as licencias de pesca-, e o laboratorio de investigación científica onde se realizan os controis da Certificación de Calidade do Peixe. Coñecerán tamén instalacións onde se procede ao conxelado do produto e visitarán proxectos co-financiados pola Unión Europea.

Posteriormente desprazaranse ao porto de pesca do Alto Bandim, onde se practica a pesca artesanal. Alí manterán unha xuntanza cunha asociación de mulleres pescadoras.

Para a eurodeputada de AGE, titular tamén para o GUE/NGL na Asamblea Paritaria África-Caribe- Pacífico (ACP-UE), esta delegación supón “unha importante oportunidade para coñecer de primeira man a situación de países africanos con forte presenza da pesca artesanal”, mais tamén para “escoitar directamente das persoas afectadas como impactan no territorio africano as políticas comerciais europeas”, xa que o caladoiro de Bissau é un dos explotados polo sector pesqueiro da UE. Senra reivindicou que “temos que ter claro que na pesca, ao igual que na agricultura, debemos estar unidas e unidos en base á defensa dun modelo produtivo sustentábel”, respectuoso cas persoas e ca Natureza, “que cómpre defender por riba de todo para poder facer fronte a ameazas que xa están enriba de nós, como a denominada Economía Azul que pretenden desenvolver a Comisión Europea e o Banco Mundial, o acaparamento mundial de océanos, ou a ofensiva de políticas que queren regalar os recursos naturais á explotación empresarial, como pretende Feijoo ca Lei de Acuicultura na Galiza”.

O vindeiro 17 de febreiro as catro eurodeputadas/os integrantes desta delegación parlamentaria exporán as súas conclusións na sesión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

Exit mobile version