Site icon Crónica3.com A Mariña

Manolo de Rinlo

Festa rachada no ceo. Acaba de entrar Manolo de Rinlo. Canso de aguantar tanta crise, tanta escuridade e maldade coma que nos axexa, deu media volta na cama e dixo: o carallo. E ficou. Farto de ver e aturar tantos problemas e dificultades como está a sufrir a sociedade neste decadente mundo marchou na procura doutro mundo mellor e mais feliz. El, que sempre viviu pra dar alegría e felicidade a todos, non foi quen de aturar tanta crueldade e miseria como a que está a padecer hoxe a humanidade.

Sen outras novas sobre a súa morte, acabo de ser informado do pasamento de Manuel Vázquez González, máis coñecido por Manolo de Rinlo. Unha encantadora e adorable persoa que pasou a súa vida sementando alegría e felicidade entre tódolos que tivemos a sorte de coñecelo e tratalo. Donde quera que se atopase dos seus beizos sempre afloraba o seu sentido do humor, o seu natural e espontáneo chiste, a súa conversa relaxada e a súa contaxiosa ledicia. Un home que pasou pola vida espallando felicidade. Esa felicidade que dá a sinxeleza, a bondade natural e a compañía agradable. A súa visión festiva da vida sabía encher de optimismo e ledicia os momentos de tristeza e abatemento de todos. A siguiente anécdota é suficientemente representativa da súa calidade humana: cando nunha ocasión a orquesta, contratada para amenizar a festa na parroquia donde exercía de cura, faltou a cita, Manolo non dubidou en subierse ó palco co seu acordeón para suplir a orquesta. E houbo festa. A súa ausencia deixa en tódolos seus amigos e coñecidos un profundo baleiro, un grande loito na terra.

Persoa desprendida, non ambicionaba bens nin honras mundanas. Libre de ligaduras terreas, e desprendido de bens materiais, estaba sempre disposto a axudar a tódolos que a el acudían na procura de apoio e consolo. Sen dúbida que os veciños de Rinlo, que hoxe gozan dun fermoso parque no centro da súa vila, grazas á xenerosidade de Manolo e dos seus irmáns, Antonio e Enrique, e dunha preciosa igrexa, donación de seu pai, poderían contar mil divertidas anécdotas e gratos recordos do que foi o seu veciño nos anos da súa xuventude. Ese Rinlo que Manolo sempre louvaba e do que presumía, e a quen Manolo entrega finalmente os seus restos mortais bicando as súas augas mariñas.

A súa fina sensibilidade, o seu profundo amor a Galicia e o seu espírito reivindicativo da xustiza social espertaban en Manolo a súa alma poética e constituían o eixe das súas composicións poéticas, algunhas das cales foron publicadas neste semanario.

Á súa chegada ó ceo un imaxínase ós benaventurados formando coro no seu arredor pra festixar alegres os seus chistes e escoitar os seus comentarios festivos. Descanse en paz quen tanta alegría e xovialidade repartiu a mans cheas a todos os que na vida tivemos a sorte de atoparnos e compartir momentos felices da vida con el.

José María Rodríguez

Exit mobile version