Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente remata as obras de conservación do Monumento Natural Souto da Retorta, en Viveiro

Santiago, 25 de febreiro de 2016.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas rematou os traballos para evitar o deterioro da masa arbórea do Souto da Retorta, co obxectivo de conservar a riqueza medioambiental deste Monumento Natural situado na parroquia de Chavín, no Concello de Viveiro.

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron na mañá deste xoves os traballos executados para o mantemento das 3,18 hectáreas do entorno natural, e para o que se destinaron 40.000 euros.

Os traballos no Souto da Retorta, tamén coñecido como Eucaliptal de Chavín, consistiron en diversas actuacións coma o saneamento da masa arbórea, a eliminación de plantas exóticas invasoras, e a reforestación con frondosas caducifolias. Tamén se procedeu á reparación do canal da auga e do sendeiro, á adecuación das infraestruturas e a mellora da sinalización. Ademais, todos estes traballos completáronse coa protección de O Avó, un eucalipto senlleiro que acada unha altura de 61,8 metros e un perímetro de 7,6 metros.

A directora recordou que un dos labores máis importantes que se realizou foi a poda das ramas na marxe do carreiro que percorre a zona (exclusivamente as pólas secas e mortas), unha poda para o que foi necesario establecer todas as medidas preventivas sanitarias en canto á protección dos cortes e a desinfección das ferramentas. Para o saneamento da masa tamén se retiraron preto de 80 pés de eucaliptos afectados, así como a recollida e o amoreado de residuos xerados pola madeira morta distribuída sobre o chan.

Lembrou que neste plan de conservación tívose unha consideración especial co exemplar O avó, arredor do cal se colocou unha valla de madeira de pino para asegurar a súa protección sen danar o sistema radical da árbore.

Co obxectivo de eliminar as plantas invasoras procedeuse ao apeo manual de todas as acacias existentes no eucaliptal (40), tanto a Acacia melanoxylon como a Acacia dealbata. Estas árbores sacáronse polas zonas máis accesibles do terreo sen introducir maquinaria ou vadear o río Landro, reducindo o impacto ao seu mínimo nivel. Logo da corta aplicouse un herbicida sobre cada cepa, non podendo afectar a outro tipo de vexetación, para asegurar que esta especie exótica non continúe reproducíndose no entorno.
Para completar este proceso de erradicación de especies invasoras e potenciar as autóctonas, que permitan o enriquecemento do bosque, procedeuse á plantación de diferentes especies de frondosas entres as que se poderán atopar castiñeiros, carballos, ameneiros, freixos ou pradairos.

Por último, para acadar unha completa recuperación do Souto da Retorta e compatibilizar o seu uso público coa súa recuperación, efectuouse unha serie de reparacións no canal da auga, na fonte, nos buratos e nas vallas do sendeiro. Arranxouse o muro derrubado nas dúas marxes do canal de derivación de auga, o sendeiro quedou totalmente uniforme grazas ao tapado con pedras e terras propias da zona nos terreos nos que fo preciso e dispúxose máis tramos de valla para substituír as que presentaban peores condicións.

Agora, todas as persoas que visiten o eucaliptal dispoñen de sinais informativas e temáticas que aportan información sobre a paraxe natural, así como de sinais de perigo e prohibición que velarán polo mantemento e conservación da mesma.

Ana María Díaz recordou que todos os traballos de conservación están xustificados en base a un estudo fitosanitario realizado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no que colaboraron a USC e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro. Dito estudo detectou a presenza dalgúns fungos que podrecen a madeira, fungos do chan e artrópodos defoliadores. Estes organismos son os que provocan que algúns eucaliptos e pólas se sequen e morran.

Por último, a directora xeral sinalou que debido aos temporais rexistrados neste inverno é necesario realizar unha serie de reparacións no canal que cruza o Monumento Natural, xa que as fortes chuvias provocaron desprendimentos.

Monumento Natural
O Eucaliptal de Chavín sitúase dentro do lugar de importancia comunitaria Río Landro, que foi declarado zona especial de conservación polo Decreto 37/2014. Ademais, segundo o Decreto 77/2000, o eucaliptal foi designado como Monumento Natural en abril do ano 2000.

Numerosos exemplares deste bosque superan os cen anos, árbores senlleiras que habitan o parque das cales O Avó é o exemplar máis característico. O lugar sobre o que se asentan pertence á rexión bioxeográfica erosiberiana, provincia atlántica-europea, subprovincia cántabro-atlántica e sector galaico-asturiano.

Exit mobile version