Site icon Crónica3.com A Mariña

NN.XX. agradece a Barreiro a “especial atención” dedicada aos mozos da provincia e á formación político xuvenil

Lugo, 5 de febreiro de 2016.- O presidente provincial de Novas Xeracións, Daniel Vega, quixo facer público este venres o agradecemento da formación política xuvenil ao presidente do PP lucense, José Manuel Barreiro, despois de que onte anunciase que non repetirá como máximo dirixente dos populares en Lugo. Vega resaltou a “especial atención” dedicada polo popular aos mozos da provincia e á formación político xuvenil.

O presidente de Novas Xeracións di que Barreiro “sempre mostrou o seu compromiso coa nosa organización, sempre demostrou con feitos que cría no papel fundamental tanto dos mozos lucenses como das Novas Xeracións” e co seu apoio incondicional “impulsounos a ser o verdadeiro motor, -como dixo en moitas ocasións-, no que impera a ilusión, a constancia e o traballo”.

Vega asegura que Barreiro fixo súa a máxima de que o PP é o partido que mellor representa a sociedade “e nel ten que estar sempre presente a xuventude e a aposta polo futuro” e consciente diso “nunca concibiu o seu proxecto político sen os mozos, sen a formación que somos o enlace entre o partido e a xuventude”. “Estivo con nós en cada proxecto e sempre promoveu a nosa formación e nos mimou, ademais de loitar por políticas na área Xuvenil dende as súas responsabilidades políticas, que permiten que o PP lle aporte á xuventude principios sólidos, fronte a outras formación políticas que nos castigaron e nos obrigaron a ver o futuro con incerteza”, engade.

Polo tanto, Vega agradece persoalmente a súa crenza e aposta por Novas Xeracións e dende ela “seguiremos contando coma sempre con Barreiro. É un orgullo para os lucenses que hoxe o popular sexa unha dos políticos relevantes do PP nacional e o seu papel será importantísimo durante esta lexislatura, como o foi sempre”.

Por último, os mozos populares a través do seu presidente tamén quixeron agradecer o traballo e implicación de José Manuel Barreiro con Lugo “defendendo os seus intereses e pelexando na loita pola resolución das súas problemáticas e sempre o fixo por desexo, non por dalo a coñecer ou vendelo publicamente”. “O seu traballo é incansable”, conclúe Vega.

Exit mobile version