Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Mondoñedo lamenta que modificacións introducidas a última hora imposibiliten unha aprobación provisional do Plan Xeral co consenso de todos os grupos

Mondoñedo, 6 de febreiro de 2016.- Os concelleiros do Grupo Municipal do BNG no concello de Mondoñedo votaron a favor dos informes ás alegacións presentadas no trámite de información pública.

Estas alegacións están avaladas pola oficina redactora do plan, polos Servizos Técnicos Municipais, polos informes sectoriais recavados das administracións públicas competentes e polo Informe da Secretaría do concello.
A continuación por parte da alcaldía propóñense introducir unha serie de modificacións puntuais do plan en contra dos criterios da Oficina Redactora. O BNG amosou a súa desconformidade con estes cambios xa que logo estas modificacións son totalmente arbitrarias, non obedecen a un interese xeral e son un agravio comparativo con respecto a outros veciños que tamén fixeron alegacións e non lles foron aceptadas. Nesta votación o BNG votou en contra dos cambios propostos, xa que estas modificacións non están avaliadas por informes técnicos, xurídicos nin tampouco polos informes sectoriais.

Unha vez que se votaron os informes ás alegacións e as modificacións puntuais, realizouse outra votación para aprobar o Plan Xeral coas modificacións introducidas anteriormente grazas á maioría do Grupo Popular.

Eloi Cabanas, portavoz do Grupo Municipal do BNG explicou o sentido do voto do seu grupo e recordou na súa exposición que a normativa urbanística do ano 1978 está obsoleta, non reflexa as realidades do concello e non está adaptada a legalidade. O portavoz do BNG na súa intervención salientou que “aínda que somos conscientes que o Plan podería ser mellorable pensamos que é un avance, sobre todo porque se sae da inseguridade xurídica que hai actualmente”.

O BNG Local lamenta que o feito de introducir por parte do Goberno Municipal elementos de disensión de última hora, provoquen a nosa abstención na votación sobre a globalidade do plan.

Aprobación dos orzamentos 2016
O Grupo Municipal do BNG denunciou no debate dos orzamentos a falta de parte da documentación anexa aos presupostos e a indefinición de moitas partidas orzamentarias que tal como veñen reflexadas no proxecto de orzamentos dificultan o seu estudo e posterior control.

Para o BNG estes non son os orzamentos que Mondoñedo necesita. Non hai proxectos de envergadura para Mondoñedo, o que mostra unha falta de xestión e o pouco compromiso das administracións “amigas” do Partido Popular. A semade hai partidas onde o emprego de recursos públicos non nos parece prioritario.

O BNG critica que pasado máis de medio ano dende que o Goberno de Elena Candia chegara á alcaldía, as súas actuacións se caractericen por anunciar proxectos nos medios de comunicación que despois, á hora da verdade, non teñen concreción no proxecto de orzamentos.

Exit mobile version