Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG solicita que se aclare se existe contrato entre os redactores do PXOM e o Concello de Foz

Foz, 25 de febreiro de 2016.- O Bloque Nacionalista Galego considera que o Alcalde de Foz debe explicar a relación existente entre o Concello e a equipa redactora do Plan xeral de Ordenación Municipal unha vez que o Servizo de Intervención informou de que esta estaría a incumprir o disposto na Lei de Contratos do Sector Público. Segundo recolle Intervención nun informe emitido en referencia ao expediente nº 2219/2015, o contrato entre a equipa redactora e o Concello de Foz supera o prazo máximo de duración fixado pola Lei para os contratos de servizos, que en ningún caso poderán superar os seis anos, coas prórrogas incluídas. No caso que nos ocupa ese período xa foi superado por tratarse dun contrato de 2005. Atendendo ao disposto polo referido informe a día de hoxe esta relación contractual non existe, o que viciaría de nulidade todo o proxecto de elaboración do planeamento, xa que os redactores carecerían de competencia para resolver as alegacións. Por este motivo demandamos que se resolva esta cuestión con carácter previo a calquera trámite referido ao PXOM.

Lorena Seivane e Teresa Rego consideran que “non son de recibo as manobras que se están a promover desde o grupo de goberno para seguir ocultando o PXOM aos veciños e para evitar que estes o coñezan con carácter previo á aprobación provisional. Primeiro baixo falsidades e co compromiso de falar cos redactores tentou que ficase sen efecto a moción do BNG aprobada no pasado Pleno da Corporación no que se acordaba unha nova exposición pública e agora tenta impugnar a referida moción argumentado ausencia de motivación para levala adiante”. As concelleiras nacionalistas engaden que “nós seguimos defendendo a exposición pública porque consideramos que o urbanismo ten que ser participado. Pero independentemente dese criterio político hai razóns de orde xurídico que o esixen, posto que o Plan que se quere aprobar introduce modificacións substantivas con respecto ao documento que se someteu a aprobación inicial”. Ao mesmo tempo desde o BNG consideran que “non é casual que desde a equipa de goberno se pretenda aprobar o documento ocultándollo aos veciños e carecendo de vontade de dar a coñecer as contestacións as alegacións, posto que no caso de ser coñecidas provocarían unha auténtica rebelión social pola absoluta falta de vontade de darlle solución aos problemas presentados nas mesmas polos veciños e tamén polos colectivos sociais”.

As nacionalistas expresamos de xeito reiterado as cuestións que realmente son centrais do documento que está a debate e en todo momento nos atopamos coa falla de vontade por parte da equipa de goberno para resolvelas. “Queremos un Plan xeral que non abra as portas a derrubar vivendas, un plan xeral que non sitúe fora de ordenación un número importante de inmóbeis tanto nas parroquias como na vila, un plan xeral sostíbel economicamente e que non hipoteque ao Concello e espolie o peto dos veciños, en definitiva queremos un PXOM ao servizo da maioría e non dos intereses especulativos”, recalcan Lorena Seivane e Teresa Rego. As concelleiras nacionalistas fan “un chamado á responsabilidade e antepoñer o interese xeral ao particular, a ter presente que estamos diante dun documento que vai definir o futuro de Foz para moitos anos, un documento polo que esperamos durante moitos anos e que non podemos sacalo adiante á lixeira e por suposto un documento que resolva problemas e que non os cree”.

Exit mobile version