
Burela, 17 de febreiro de 2016.- O Cidade As Burgas logra o pase á final da Copa Galicia tras derrotar por 0-1 ao Burela Pescados Rubén cun solitario gol de Candela na primeira parte. O conxunto burelés perdoou en exceso, sobre todo nunha primeira parte que comezou con acoso laranxa sobre a meta ourensá. Dous disparos de Peque, unha ocasión de Dany e un disparo ao pau de Bea Mateos foron a carta de presentación local que Manolo Codeso cortou solicitando un tempo morto que centrou ao seu equipo. Mantívose o dominio local aínda que sen tanto perigo e na primeira aproximación visitante chegou o decisivo gol de Candela. Tras un córner, o balón quedou solto no área burelesa e Candela fusilou a Andrea para situar o 0-1, minuto 10. O Burela Pescados Rubén acusou o golpe momentáneamente aínda que o Cidade mantivo o seu guión esperando en 12 metros a súa ocasión ao contragolpe. As burelistas non conseguían atopar espazos nin xerar excesivo perigo e ao descanso chegouse co 0-1 logrado na única aproximación ourensá. Na continuación ambos conxuntos seguiron interpretando idénticos papeis. Dominio burelés aínda que cun Cidade que se estiraba máis ao contragolpe. Candela levou a voz cantante nesta faceta do seu equipo que gozou dun par de oportunidades para ampliar a súa renda. A escuadra de Lucas non atopaba o tempo preciso para abrir o entramado defensivo das verdibrancas e no minuto 31 apostou polo xogo de cinco. Nunha primeira fase o Cidade logrou frear con solvencia o envite local pero segundo aproximábase o final as mariñás gozaron de tres boas oportunidades para o empate. A meta ourensá, Ana Lastras, evitou a igualada e o pitido final confirmou a clasificación do Cidade As Burgas para a final da Copa Galicia na que se verá as caras co Ourense Enviália.
Ficha técnica
CD Burela FS Pescados Rubén: Andrea, Bea Mateos, Ceci, Peque, Dany -cinco inicial- Lara, Claudia, Maite.
Cidade As Burgas: Ana Lastra, María Arias, Iria Saeta, Nespereira, Vane Sotelo-cinco inicial- Candela, Sonia Pacios.
Goles: 0-1, m.10, Candela.
Árbitros: Fernando Belo, José Manuel Gómez. Crono: Eva Fernández
Incidencias: Partido correspondente á semifinal da Copa Galicia, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela, 250 espectadores.