Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela solicita varias subvencións á Xunta para proceder á contratación de preto de 40 persoas ao longo dos vindeiros meses

Burela, 6 de febreiro de 2016.- O Concello solicita subvencións para proceder á contratación de preto de 40 persoas ao longo dos vindeiros meses, segundo deu a coñecer este sábado o alcalde, Alfredo Llano.

O rexedor reiterou que “nos orzamentos deste 2016 destinaremos unha partida económica importante para o plan de emprego municipal que queremos levar adiante. O noso obxectivo é favorecer a inserción laboral. Queremos que poidan atopar un posto de traballo os nosos rapaces e tamén os desempregados de larga duración. Estamos a estudar a cantidade que destinaremos a este fin, pero a falla de emprego é algo que nos ten moi preocupados”.

O Concello burelés, segundo Alfredo Llano, “solicita 10 socorristas, a través dos plans de cooperación da Xunta, para que se encarguen de velar pola seguridade dos usuarios das nosas praias durante o verán. Ademais pedimos a contratación temporal de persoas perceptoras da Risga, queremos contar con 3 xardineiros, 4 peóns de obras e 2 conserxes”.

O alcalde seguiu a relatar que “tamén a través dos plans de cooperación demandaremos subvencións para contratar a 1 traballador para o barco museo Reina del Carmen; a 1 traballador para a oficina de turismo, xa que a queremos ter aberta máis tempo; a 2 xardineiros; a 1 peón de obras; a 3 conserxes para as dependencias municipais; a 2 auxiliares de Policía Local e a 2 auxiliares administrativos. Tamén queremos proceder á contratación dun ou dunha orientador/a laboral durante un ano e demandaremos, a través do obradoiro de emprego Sendas de Burela, Cervo e Xove IV, a sete persoas para proceder ao mantemento de parques, xardíns e zonas verdes do noso concello”.
Alfredo Llano engadiu: “o que temos pedido e o que demandaremos son subvencións para proceder á contratación de preto de 40 persoas en Burela. Si a Xunta nos concedese todo o que pedimos sería algo moi bo para o noso concello.

O Concello de Burela solicita tamén unha subvención para levar adiante un proxecto de eficiencia enerxética do alumeado público.

Exit mobile version