Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo organiza unha charla sobre a praga que afecta ás plantacións das patacas

Cervo, 15 de febreiro 2016.-O Concello de Cervo organiza unha charla sobre a praga que afecta ás plantacións de patacas. Terá lugar este xoves, día 18, ás catro e media da tarde na antiga escola de Rúa.

O alcalde, Alfonso Villares, manifesta que “dende o Concello de Cervo somos coñecedores dunha praga que está afectando ás patacas, que xa leva un par de anos tendo unha importante repercusión no concello. Esta praga é por unha polilla que afecta á pataca e que se detecta sobre todo na Mariña Occidental, desde Viveiro ata o concello de Cervo”. O rexedor cervense engade que “sabendo que é unha das plantacións máis típicas entre os veciños que traballan a súa terra, por iso queremos canto antes informalos do que deben facer para intentar evitar a súa propagación e o obxectivo final é erradicar esta praga”.

A charla correrá a cargo de dous relatores, que son traballadores da Xunta de Galicia: Jesús Collar, xefe do Departamento de Fitopatoloxía do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, e Víctor Novo, xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal.

O alcalde anima “a todos os veciños, que son moitos os que aínda cultivan patacas nas súas casas, a que acudan para informarse e entre todos facer o posible para evitar a propagación desta praga que afecta bastante no noso concello”.

Exit mobile version