Mondoñedo, 5 de febreiro de 2015.- O Goberno local do Concello de Mondoñedo aprobará no Pleno da tarde deste venres os Orzamentos para 2016 que ascenden a 3,1 millóns de euros, unha contía superior a do ano anterior no que as contas foran prorrogadas polo anterior equipo de Goberno.
A rexedora, a popular Elena Candia, explica que se trata duns Orzamentos “realistas” nos que máis de 540.000 euros se destinan a investimentos. A partida na que o Goberno local concentra o seu esforzo é a de servizos sociais dotada con máis de 200.000 euros. “A nosa é unha aposta clara polos servizos sociais e pola atención ás persoas, polo que imos reducir todos aqueles gastos que consideremos superfluos”, sostén a alcaldesa.
Investimentos
Os investimentos previstos polo Goberno local inclúen a adquisición de maquinaria por valor de 65.000 euros, 30.000 euros para o POS e 90.000 euros para a mellora de camiños rurais. Tamén haberá recursos municipais para a rehabilitación da casa de Álvaro Cunqueiro e para obras na planta baixa do consistorio para sacarlle maior partido ao espazo do que se dispón.
O Concello reserva ademais 20.000 euros para acometer plans de aforro enerxético que traerán consigo a instalación de lámpadas de baixo consumo. O Goberno local destinará unha contía similar a aboar a débeda adquirida polo anterior goberno por non pagar a certificación das melloras na rúa José María Pardo.
O capítulo de persoal absorbe o 50% do Orzamento. Como novidade, traballarase na elaboración dunha relación de postos de traballo (RPT) que relacione a retribución en función da responsabilidade. Tamén se recolle, por vez primeira, a prevención de riscos laborais e a vixilancia da saúde dos traballadores.