Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo presenta ‘O litoral de As Catedrais-Os Castros’ como candidato a formar parte do prestixioso inventario internacional Global Geosites

catedrais-castros-geositesRibadeo, 11 de febreiro de 2016. Ribadeo presenta a proposta Litoral de As Catedrais-Os Castros como candidata a formar parte da prestixiosa listaxe Global Geosites. Trátase dun importante inventario de lugares de interese xeolóxico da Unión Internacional das Ciencias Xeolóxicas e a Unesco. A concelleira Ana Martínez subliña que “estar nese inventario dará unha valiosa publicidade á nosa costa, o que aumentara o número de visitantes ao concello, ademais de axudar a concienciar á sociedade da importancia de preservar o medio ambiente” e lembrou o traballo realizado polo Concello coas xeorutas nos últimos meses.

A edil nacionalista contou que “as formacións xeolóxicas da praia de As Catedrais levan décadas atraendo a visitantes de todos os recantos do mundo. Pero esta icona ribadense non é o único espazo con interese xeomorfolóxico do litoral da contorna. Conscientes disto desde o Concello levamos apostando por dar a coñecer e valorizar dun xeito sostible este patrimonio natural. Un reflexo bastante importante o temos no proxecto das xeorutas que, xunto coa Universidade de Santiago e co apoio da Deputación de Lugo, deu lugar o ano pasado á formación de vinte guías medio ambientais do noso concello e despois acabou co seu punto álxido coas xeorutas que se realizaron este verán na praia das Catedrais e tamén en Rinlo”.

Ana Martínez explicou que “neste marco de traballo desde o Concello estamos a colaborar co doutor en xeoloxía Francisco Canosa Martínez, coordinador das xeorutas de Ribadeo, na elaboración dunha proposta de geosite para unha boa parte do litoral ribadense. Baixo o nome de Litoral de As Catedrais-Os Castros, o anaco máis salientable da nosa costa, este proxecto será candidato a formar parte do prestixiosa listaxe Global Geosites”.

A concelleira de Turismo dixo que “o proxecto Global Geosites consiste nun inventario de lugares con interese xeolóxico de relevancia internacional elaborado pola Asociación Europea para a Conservación do Patrimonio Xeolóxico (ProGEO), co apoio da Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGS) e a UNESCO”.

Martínez entende que “na actualidade o interese social e turístico polo patrimonio xeolóxico focalizase principalmente sobre a praia das Catedrais, que recibe anualmente millares de visitantes, o que afecta á degradación do espazo, así como a calidade da visita. É preciso romper con esta dinámica e apostar pola valorización de todo o litoral de Ribadeo, transformándoo a súa vez nunha oportunidade para o aproveitamento socioeconómico e compatibilizando a súa conservación e mantemento”.

A edil de Turismo subliñou que “a aposta polo a veces esquecido patrimonio xeolóxico é unha inversión en alza. Xa nos últimos anos se aprecia un novo espertar na conciencia ecolóxica da sociedade. Así cada vez máis persoas volven a ollar coa mesma fascinación que os nosos antepasados os fenómenos naturais que Galicia nos ofrece. Unha mostra disto é o éxito que experimentaron ás xeorutas impulsadas polo Concello de Ribadeo. As xeoruta dos Arcos, realizada a través da praia das Catedrais saldouse con 2.790 visitantes entre xullo e setembro, e cunha valoración global de 10 sobre 10 segundo o 95% dos enquisados. Por outra banda a xeoruta de Os Ollos pola costa de Rinlo foi percorrida por 605, cunha perfecta cualificación de 10 sobre 10 polo 100% dos enquisados. Ademais un bo porcentaxe dos participantes de cada xeoruta animouse a realizar a outra”.

Para Ana Martínez “será un orgullo que dentro dun tempo entremos a formar parte do inventario de Global Sites, xa que dará unha valiosa publicidade á nosa costa, o que aumentara o número de visitantes ao concello, ademais de axudar a concienciar á sociedade da importancia de preservar o medio ambiente. As xeracións futuras agradecerán a conservación de estes espazos naturais únicos. Haberá que agardar uns meses ata que os avaliadores do proxecto realicen o seu informe. Se resulta favorable, o litoral de Ribadeo gozará dunha nova figura de recoñecemento internacional ao seu rico patrimonio natural”.

Exit mobile version