Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo recibe a María Redondo Peña, campioa de España coa selección galega sub 17 de fútbol sala

maria-ribadeoRibadeo, 22 de febreiro de 2016. No salón de plenos do Concello tivo lugar este xoves a recepción ofrecida a María Redondo Peña, que se proclamou campioa de España coa selección galega sub 17 de fútbol sala hai uns días en Madrid. Xunto á xogadora estiveron o alcalde, Fernando Suárez; a concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra; o concelleiro de Deportes, David Rivas; e o técnico de Deportes, Iván López.

O edil de Deportes dixo que “en Ribadeo parece que estamos a coller esa sa costume de gañar campionatos de España, porque si hai uns meses estabamos aquí con María Díaz e con Nerea Lago, despois de gañar o campionato de España de remo, hoxe estamos aquí con María despois de gañar o campionato de España de fútbol sala e para a vindeira semana estaremos con Iván Lindín, que ven de ganar o campionato de España de tiro olímpico nunha modalidade e a medalla de bronce noutra”.

Para David Rivas “isto non fai mais que poñer de manifesto o enorme potencial deportivo que temos en Ribadeo. Isto todo non se consigue máis que con traballo desde a base. Cremos que este é o camiño a seguir. E cando levamos tanto tempo fomentando o deporte feminino en igualdade é moi gratificante ir vendo como o tempo nos está a dar a razón, ver como Ribadeo está a desenvolver unha serie de deportistas dunha calidade extraordinaria, que son referentes a nivel galego e estatal”.

O concelleiro nacionalista dixo: “María ti puxeches a Ribadeo no mapa nun deporte no que somos conscientes de que é complicadísimo chegar ata onde ti chegaches e acabas de demostrar que as galegas e as galegos, cando se nos deixa, somos quen de facer as cousas moi ben, si nos deixan traballamos con dedicación, con paixón e con entrega e somos capaces de gañarlle a calquera. Sentimos moito orgullo de ti, como ribadenses e como galegas e como galegos. Queremos animarte a seguir traballando, poderás chegar tan alto como ti queiras”.

A responsable da Delegación Municipal de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, lembrou que nas primeiras campañas que fixemos de promoción da igualdade no deporte no ano 2011 María foi a protagonista e o curto titulábase A xenia do fútbol e o tempo nos demostra que a xenia estaba aquí. Naquel curto se reflectían as dificultades que sofren as nenas para practicar un deporte totalmente estereotipado, xa que a partir dos doce anos teñen un montón de problemas para competir, a non ser que sexa nun equipo feminino. O tesón, a forza, e o apoio da familia fai que ela estea onde está e lle axuden a facer o que ela quere e desexa. Non se pode facer mellor campaña que co referente que hoxe temos aquí con nós. Sinto orgullo e grande alegría sendo concelleira e coñecéndote desde pequeniña, como te coñezo”.

O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “María Redondo deches un exemplo en xeral como muller, unha lección en positivo para todos e todas. E queremos inmortalizar este momento contigo, facéndoche entrega desta figura cunha estrela do escudo do Concello, cun balón, e cunha rapaza que simboliza que es ti”.

Pola súa banda a xogadora deu as grazas polo recibimento e indicou que “nada disto sería posible, como dixo Mariluz, sen a familia que está aquí e que é un apoio indispensable desde hai dez anos que empecei a xogar ao fútbol e que nunca deixaron de apoiarme. Moitas grazas por todos estes anos de apoio”.

A familia de María Redondo Peña acompañouna á recepción celebrada este luns no Concello.

Exit mobile version